Comproban o avance da instalación da escultura do cemiterio municipal de Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron o lugar onde avanza a instalación da escultura que homenaxeará ás persoas represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista no cemiterio municipal.
Durante a visita, comprobaron a recente colocación da base que sosterá a peza, realizada polo recoñecido artista Álvaro de la Vega, onde se inaugurará a escultura nun acto público o vindeiro xoves 21 de novembro ás 17.00 horas.
Este evento, que terá lugar xusto ao día seguinte do 49º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, combinará música, poesía e memoria, reafirmando o compromiso do Concello coa recuperación da memoria histórica, e abrindo así un novo ciclo de lembranza e reflexión sobre as vítimas da represión franquista e a importancia da recuperación da memoria histórica.
Un acto para lembrar e reflexionar
O acto de homenaxe contará coa participación de figuras destacadas da cultura galega, como o músico Xosé Luis Rivas “Mini”, encargado de abrir o evento cunha intervención musical, e que será acompañado coa lectura de diversos textos. Ademais, o autor da escultura, Álvaro de la Vega, estará presente para explicar o significado e a intención da súa obra.
Arroxo destacou a relevancia desta iniciativa como parte dun compromiso colectivo coa memoria histórica, “xa que este monumento non só honra ás vítimas da represión, senón que tamén nos convida a reflexionar sobre a importancia de preservar a nosa memoria histórica para construír unha sociedade máis xusta e democrática.” Trátase dunha escultura que simboliza o respecto e a dignidade que merecen as vítimas, á vez que reforza a conexión da cidadanía coa súa propia historia.
A inauguración rematará cun xesto simbólico onde as persoas asistentes recibirán cravos brancos, que serán depositados ao pé da escultura como mostra de respecto e recordo.