Compromiso da Deputación para colaborar no proxecto do novo pavillón de Lugo

LugoXa
Lara Méndez mantivo un encontro co deputado de Deportes para colaborar no proxecto que terá un custo de 3 millóns de euros.
pavillón garaballa
1 May 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou o compromiso da Deputación Provincial para cofinanciar, xunto ao Concello e a Xunta de Galicia, o novo pavillón multidisciplinar da cidade, co que o executivo municipal pretende dar cobertura á elevada demanda de instalacións deportivas na capital. 

A rexedora reuníase hoxe co deputado de Deportes para explicarlle os detalles do proxecto Lugo Sport Life que estará situado na contorna do barrio multiecolóxico da Garaballa, ao carón da rúa Veiga Grande fronte o centro comercial As Termas. 

“O polideportivo ocupará unha superficie de 3.490’60 m2 e disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe, adecuadas para competicións de fútbol sala, baloncesto, balonmán, minibasket, voleibol, bádminton, ximnasia rítmica e outros deportes de interior. Tamén contará cunha zona de recepción e un espazo de carácter social e con bancadas retráctiles que lle aportarán gran versatilidade ao recinto que terá unha capacidade de aforo para 1.000 persoas”, indicou a rexedora. 

Lara Méndez lembrou tamén que o aspecto exterior do polideportivo respectará unha liña contemporánea no que a madeira – como sucede co edificio Impulso Verde - será a protagonista en prol da sostibilidade e do aforro enerxético”. 

No encontro, a rexedora tivo oportunidade de, seguindo os acordos plenarios que se acadaran por unanimidade, solicitarlle á Deputación, igual que fixo coa Xunta a semana pasada, a súa colaboración económica para sufragar o custo do pavillón - que ten un orzamento estimado de 2.940.000 euros.

Méndez quixo agradecerlle a Efrén Castro a receptividade amosada á proposta e o compromiso acadado para contribuír a seguir incrementando a carteira de equipamentos locais ao servizo do deporte de base, enxalzando a súa práctica “non só como espazo para socializar senón tamén para que as nosas nenas e nenos crezan en valores”. 

Pola súa banda, o deputado provincial asegurou que “hoxe é un gran día para a cidade, e para o deporte, en tanto o acordo é un primeiro chanzo para conseguir esta instalación tan necesaria e tan demandada polos deportistas da cidade”, declarou Efrén Castro.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17362117767334