Compromiso da Xunta para cofinanciar o novo pavillón multidisciplinar
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou esta mañá o compromiso da Xunta de Galicia para cofinanciar o novo pavillón polideportivo multidisciplinar da cidade. Unha infraestrutura, situada na contorna do barrio multiecolóxico da Garaballa coa que o executivo municipal pretende dar cobertura á elevada demanda de instalacións deportivas na capital.
A rexedora reuníase hoxe co secretario xeral para o Deporte para presentarlle o proxecto Lugo Sport Life, un “polideportivo de liñas contemporáneas no que – compartindo moitas das premisas do edificio Impulso Verde – a madeira será protagonista tanto na fachada como na estrutura xa que a sostibilidade e o aforro enerxético serán dous dos seus piares construtivos”.
Méndez aproveitou o encontro para trasladarlle a José Ramón Lete algúns dos detalles desta nova infraestrutura que estará situada ao carón da rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial as Termas. “Ocupará unha superficie de 3.490’60 m2 e disporá dunha pista central multifuncional, catro vestiarios e zonas de almacenaxe, adecuadas para competicións de fútbol sala, baloncesto (2 canchas), balonmán, minibasket (4 canchas), voleibol (4 canchas), bádminton (4 canchas), ximnasia rítmica e outros deportes de interior. Tamén disporá dunha zona de recepción e un espazo de carácter social”.
A maiores, habilitarase en todo o complexo un sistema de bancada retráctil, acompañado doutras dúas máis pequenas fixas e laterais alcanzando un aforo de até 1.000 persoas. A alcaldesa abondou no feito de que esta singular configuración lle conferirá gran versatilidade ao recinto á hora de ofrecer distintos espectáculos “xa que, segundo a modalidade da que se trate permitirá recolocar o mobiliario para aumentar ou diminuír a súa capacidade co fin de acoller calquera tipo evento”, sinalou.
Na xuntanza, a rexedora tivo oportunidade de, seguindo os acordos plenarios que se acadaran por unanimidade, solicitarlle á Xunta a súa colaboración económica para sufragar o custo do pavillón - que ten un orzamento estimado de 2.940.000 euros - e quixo agradecerlle a Lete Lasa a receptividade amosada a esta proposta.
Ambos dirixentes coincidiron na necesidade de sumar esforzos na consecución deste tipo de proxectos, “con alcance para toda a comunidade”.
“Debe ser un traballo conxunto, co fin de incentivar a práctica deportiva – como hábito saudable e actividade de ocio – pero tamén para dar resposta ás demandas da veciñanza creando dotacións modernas, versátiles e tamén respectuosas co noso medio. Polo que, o vindeiro venres, acudiremos igualmente á Deputación para instar ao organismo provincial a colaborar economicamente coa construción deste polideportivo”, engadiu Méndez.
Entre os asuntos abordados hoxe entre a alcaldesa de Lugo e o secretario xeral para o Deporte figurou tamén o estudo dunha posible rehabilitación e acondicionamento do pavillón da OJE (Organización Juvenil Española) do que a Xunta é cotitular, así como a petición do Concello para que se proceda a renovar o tartán das pistas de atletismo das Pedreiras – homologadas pola Federación Española – das que o goberno galego foi promotor.