Comunican a suspensión da obra “1936” que ía ser representada no Auditorio Fuxan Os Ventos

A Área de Cultura do Concello de Lugo comunicou a suspensión da representación da obra 1936, producida polo Centro Dramático Nacional, prevista para o domingo 16 de novembro ás 17.00 horas no Auditorio Fuxan os Ventos. A decisión, segundo explica o municipio, foi adoptada de forma unilateral pola promotora do espectáculo, malia aos esforzos realizados para manter a función programada.
O Concello sinala que a práctica totalidade das máis de 900 entradas xa estaban vendidas, e confirma que se procederá á devolución íntegra do importe ás persoas que as adquiriran. “Lamentamos profundamente esta situación e a cancelación dun espectáculo de tanta relevancia cultural, pero non foi responsabilidade municipal”, trasladaron desde a Área de Cultura.
Segundo expón o Executivo local, a promotora leva máis de dous meses cuestionando aspectos técnicos e organizativos relacionados co recinto, como a configuración dos camerinos, os recursos técnicos da sala ou a dispoñibilidade de sastra e planchadora. Desde Cultura subliñan que en todo momento facilitaron a información solicitada e amosaron disposición para asumir os custos adicionais que puidesen solicitarse, incluíndo as necesidades técnicas específicas da compañía.
A obra tiña un custo para o Concello de 47.795 euros, mentres que o prezo das entradas para o público era de 20 euros. O goberno municipal lembra ademais que a contratación oficial da montaxe estaba prevista para a Xunta de Goberno Local convocada para o día 5 de novembro, polo que considera incomprensible a decisión adoptada pola promotora.
Desde a Área de Cultura reiteran o seu pesar pola suspensión e destacan a súa vontade de seguir impulsando propostas culturais de primeiro nivel na cidade, garantindo sempre transparencia, rigor e compromiso coa programación e co público lucense.