Concedidas as axudas para as escolas de Música dependentes de institucións sen ánimo de lucro
A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas dirixidas a escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro, da que resultan beneficiarias 31 entidades, que prestan servizo a case 5.000 alumnos.
O orzamento total ascende a 165.000€, a mesma cantidade ca o ano anterior.
O obxectivo destas subvencións é potenciar o funcionamento dos centros dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que imparten ensinanzas de música non regradas e prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte destas entidades que teñen entre os seus fins a formación musical.
Estas escolas, que contan cunha crecente demanda, abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental, e actividades de conxunto. Neste sentido, cómpre sinalar que as escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música.
Na provincia de Lugo, as escolas que se beneficiarán desta subvención son: EMUSPR Casa da Música de Chantada que conta con 212 alumnos e recibirá unha axuda de 7.150.45 euros. Mentres que a EMUSPR de Antas de Ulla conta con 84 alumnos e recibirá unha subvención de 2.833.20 euros.