Concello de Lugo e CB Breogán lanzan a campaña ‘Basket na Rúa’
Co obxectivo de potenciar un ocio e un estilo de vida máis saudable, clave na prevención contra o consumo de drogas, o Concello de Lugo lanza a campaña ‘Basket na Rúa’ coa que, en colaboración coa Fundación do Breogán, quere animar a participar á mocidade lucense, especialmente aos nenos e nenas de entre 10 e 18 anos de idade.
Búscase potenciar mediante o deporte ao aire libre e dinámicas de xogos, accións que permitan a xente máis nova, e incluso as súas familias, divertirse promovendo afeccións e motivándoas para que vaian adoptando hábitos sans que mellorarán a súa calidade de vida.
Con esta iniciativa quérese evitar que a mocidade se inicie no consumo de alcol, tabaco e outras drogas que poden asociar con diversión, promovendo actividades lúdicas que lles resulten atractivas nun espazo no que socializar.
Nesta campaña, o Concello irá da man da Fundación do Club Baloncesto Breogán e do seu director xeral, Salva Arcos. Serán os monitores da Fundación os que traballen coa mocidade, e nas accións programadas, de carácter gratuíto, participará tamén o propio Salva Arcos e distintos xogadores do equipo lucense.
As actividades desenvolverase todos os sábados durante os meses de abril, maio e xuño na Praza da Milagrosa, na pista deportiva fronte ao CEIP Illa Verde no barrio de Fingoi e na pista do Sagrado Corazón.
A iniciativa se enmarca no programa +Xti, que se desenvolve desde o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias e que subvenciona o Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.
A concellería difundirá esta actividade nos centros educativos de cada barrio. Para participar, aínda que haberá limitación de prazas, que se irán cubrindo por orde de chegada, non é necesario a inscrición previa.
Calendario na Milagrosa:
- Sábado, 9 de abril, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 16 de abril, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 23 de abril, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 30 de abril, de 10.30h a 13.30h
Calendario en Fingoi:
- Sábado, 7 de maio, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 14 de maio, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 21 de maio, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 28 de maio, de 10.30h a 13.30h
Calendario no Sagrado Corazón:
- Sábado, 4 de xuño, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 11 de xuño, de 10.30h a 13.30h
- Sábado, 18 de xuño, de 10.30h a 13.30h
- Venres, 24 de xuño, de 17.00h a 20.00h