Concello de USC dan á benvida ao novo alumnado do Campus Terra
Actividades culturais, deportivas e de ocio compoñen o programa da USC e o Concello para dar a benvida ao novo estudantado do Campus Terra lucense. A iniciativa, que se prolongará ata o 26 de setembro baixo o título #BenVidaUSC!, ten como obxectivo “dar a coñecer os servizos e alternativas formativas, culturais e deportivas a disposición da mocidade durante o ano escolar”, explicou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.
O concelleiro puxo en valor a colaboración permanente que o Concello mantén coa Universidade para apoiar as iniciativas que se poñen en marcha dende o Campus Terra, “co obxectivo de ofercer os mellores servizos e traballar xuntos polo futuro de Lugo”, apuntou, ao tempo que animou a todo o alumnado interesado en participar nesta programación a reservar a súa praza a través das canles da USC.
Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación que xa pode consultarse na páxina web de #BenVidaUSC! Entre as novidades deste curso, destaca o obradoiro de videocreación, que se suma ás aulas abertas de actividades como zumba, ioga, GAP+Tono, pilates, así como ás de danza tradicional e danza contemporánea, entre outras.
Este programa amplo e diverso conta con visitas a puntos emblemáticos da Universidade como a Domus do Mitreo, entre outros. O coidado dos vínculos afectivos: Obradoiro de Quérote + sobre a xestión de parella e vínculos sentimentais’ será tamén outro dos espazos formativos ofertados, xunto con distintas sesións de presentación nas que servizos como a Oficina de Igualdade de Xénero, a Unidade de Atención Psicolóxica ou o Servizo de Participación e Integración Universitaria darán a coñecer a súa actividade.
Concerto de The Rapants
A música tamén estará moi presente nas xornadas de benvida. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) acollerá o mércores 25, ás 20.30 horas o concerto de The Rapants, como prato forte da programación. Se a meteoroloxía o permite terá lugar na explanada da EPSE, en caso de choiva trasladarase ao auditorio da Facultade de Veterinaria.