Concentración en Cervantes para recuperar unha profesora de infantil
O voceiro de Educación e Deputado Autonómico, Luís Álvarez participou este sábado na concentración convocada por Fapacel (Federación de Anpas de Lugo), para denunciar o desmantelamento da unidade de ensinanza do CPI de Cervantes, onde os nenos e nenas de tres anos terán que convivir con outros de ata 10 anos. No acto tamén participaron o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadin e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado Provincial, Jose Luís Raposo Magdalena, así como concelleiros da Comarca.
O alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadin dixo que loitará dende todas as institucións para non perder un docente no noso CPI. “Cervantes merece unha discriminación positiva para fixar poboación no rural, xa que senón temos servizos básicos como a educación ou a sanidade as familias acaban marchando e os nosos pobos acaban desaparecendo. Por iso agora son máis necesarias ca nunca políticas que contribúan a fixar poboación no rural e na montaña lucense e por suposto en Cervantes. Non podemos permitir un desmantelamento dos servizos públicos esencias”, dixo.
Luis Álvarez emprazou á Consellería de Educación a que contrate unha profesora de infantil para atender aos alumnos deste centro do corazón do rural lucense. “O Goberno de Feijóo debe apostar e impulsar a educación que é o piar básico de calquera sociedade, non se poden suprimir prazas de profesorado, máxime nunha situación como a que vivimos coa pandemia do covid”.
O voceiro de Educación remarcou que a situación do próximo curso, mantendo as medidas de seguridade fronte á covid, aconsellan “o mantemento, cando menos, do mesmo número de profesores do curso que agora remata por motivos sanitarios e por dispoñer dos recursos económicos suficientes”. Advertiu que o PP “non pode quebrar esa normalidade cando se lle aportarán os recursos para mantela”.
Investimento do Estado
Nesa liña lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez remitiulle a Galicia 103 millóns de euros para educación durante a covid – 19, dos cales 96,5 millóns corresponderon a transferencias directas para gastos extraordinarios. Estes fondos teñen como finalidade os gastos educativos, sinaladamente a contratación de profesorado, a habilitación de novos espazos e outras necesidades. “Polo tanto Galicia ten investimento, por iso non pode darlle as costas aos nosos alumnos e alumnas no colexio de Cervantes, merecen unha educación digna, de calidade e con docentes”, resumiu.