Concentración en Monterroso en contra da privatización do SAF
A CIG convoca unha concentración en Monterroso para o vindeiro martes 27 de abril ás 20:30 horas diante da casa do Concello, en contra da decisión do goberno municipal de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar. Dita concentración coincide coa data e hora de celebración do Pleno Municipal onde os grupos da oposición municipal presentan mocións en contra da privatización.
Por outra banda, dende a CIG reafírmanse en que se recolleron e entregaron no Concello máis de 1900 sinaturas, sendo certo que existen sinaturas de persoas doutros concellos, maioritariamente da contorna de Monterroso, e que as sinaturas de persoas de Monterroso superan moito o dato que deu o Concello, posto que superan o millar.
"Por moito que dende o goberno municipal intenten maquear estadísticas, a oposición á privatización do SAF entre a poboación de Monterroso é clara e manifesta, e a ilexitimidade en termos democráticos da mesma tamén, posto que só o PP, levaba no programa electoral a privatización do servizo", asegurou a CIG.
Así mesmo, engadiu: "o goberno municipal argumenta que este servizo está privatizado en moitos concellos, sendo certo esto, mais sendo indiscutible a precariedade laboral existente neste colectivo, cunhas condicións salariais e laborais de absoluta precariedade, froito consecuencia da xestión dun servizo público de atención ás persoas xestionado por empresas privadas. Xustamente, o feito de que sexa un servizo privatizado nun importante número de concellos é o que nos amosa o erro deste modelo de xestión privatizado en termos laborais e de calidade do servizo".
Dende a CIG continuan a manifestar un absoluto rexeitamento a esta medida do goberno municipal, e continuarán a mobilizarse en contra da mesma, porque defenden os servizos públicos, e defenden que os servizos de atención ás persoas non poden estar xestionados nunha lóxica comercial de beneficio empresarial.