Concéntranse en Lugo contra os cobros da Seguridade Social ás labregas de baixa médica
O Sindicato Labrego Galega organiza este martes 18 a partir das 12.30 horas diante da Tesourería da Seguridade Social en Lugo unha concentración contra os cobros da Seguridade Social ás labregas de baixa médica. Como veñen denunciando, a Tesourería Xeral da Seguridade Social está a reclamar ás traballadoras na actividade agraria por conta propia cantidades de diñeiro correspondentes a cotas de cotización de diferentes períodos entre os anos 2019 e o 2021 nos que estiveron de baixa durante máis de 60 días.
Aseguran que estas contías xa foron pagadas no seu momento polas mutuas, que tiñan a obriga de facerse cargo delas en virtude da modificación que se fixo no seu día do artigo 308.1 do Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social. Dende entón, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está a acompañar ás persoas afectadas no proceso de reclamación destas cotas, así como nos posteriores recursos de alzada.
Deste xeito, esixen o cese destes sobrecargos económicos que as persoas afectadas xa pagaron no seu momento a través das súas respectivas mutuas. Ademais, solicitarán novamente unha entrevista con este organismo a fin de reiterar os motivos polos cales debe procederse a eliminar estes cobros. Xunto coa paralización do cobro de cotas e o reintegro inmediato das xa cobradas, por parte do Sindicato Labrego Galego demandan que se recupere de xeito inmediato a atención presencial en tódolos trámites realizados pola Administración pública, e condenan a discriminación e graves prexuízos que para a cidadanía no seu conxunto está a supor a imposición excluínte do actual modelo de dixitalización.