Conclúe unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida en Navia de Suarna

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de rematar unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna, cunha intervención que contou coa colaboración da asociación Ser —promovida por Oliver Laxe— e do Concello. O proxecto permitiu ampliar e mellorar o espazo de visita, completando un conxunto de vivendas que ofrecen unha visión máis completa do poboado e propondo un itinerario máis óptimo de acceso e interpretación para o público.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o enclave, que destaca polo excelente grao de conservación das vivendas, algunhas con muros de máis de 4 metros de altura. Os traballos revelan abundantes datos sobre a arquitectura castrexa, como entalles para marcos de portas, utilización de soga e tizón, existencia de fallados, cubrición con elementos vexetais, zócalos exteriores ou varios niveis internos.
Desde 2020, a Consellería suma un investimento de máis de 117.000 euros no lugar, dos cales 65.015 euros foron destinados a traballos arqueolóxicos e 52.093 euros á reconstrución da antiga capela no sector sueste. Como colofón á campaña, a Xunta organizará este sábado, a partir das 12:00 horas, unha visita comentada ao castro, e o domingo á mesma hora unha acción similar no castro de Formigueiros, en Samos, onde tamén se realizaron labores de roza e conservación. Ambas visitas son gratuítas e non requiren inscrición previa. Arias sinalou que o obxectivo destas xornadas “é difundir entre a cidadanía o valor cultural e histórico do noso patrimonio arqueolóxico”.
Durante a campaña no Teso da Ermida executáronse dúas longas sondaxes nunha superficie de 97 m², que permitiron contemplar sete vivendas, catro practicamente completas —tres circulares e unha rectangular— e tres parcialmente escavadas, ademais de diferentes zonas de paso, calellos, muros de nivelación e descarga, escaleiras, lousados e sistemas de drenaxe. Os muros, de xisto e lousa, teñen un espesor medio de 50 a 70 cm, e o teitume apoiábase en paramentos de cachotería con cubrición de palla sobre vigas de madeira.
No interior das cabanas, organizadas en varios niveis mediante fallados de madeira, construíase o complexo doméstico, que incluía fogar, paraventos, braseiro e, nalgúns casos, bancos corridos. Ademais, localizáronse 176 pezas, principalmente cerámicas de uso doméstico, entre as que destacan manufacturas romanas, incluíndo un fragmento de paredes finas de Melgar de Tera que data da metade do século I d.C., o que indica a presenza de comercio integrado no mundo romano.