Conclúen as obras de ampliación do centro Uxío Novoneyra

LugoXa
Remataron as obras de reforma do segundo andar do centro Uxío Novoneyra, nas que o Concello investiu 69.000 euros. 
lara mendez
11 Jun 2021

Remataron as obras de reforma do segundo andar do centro Uxío Novoneyra, nas que o Concello investiu 69.000 euros.  

Lara Méndez destacou que “a intervención redundará nunha optimización da atención social ás persoas e familias máis vulnerables, en tanto permitiu unificar nunhas instalacións idóneas a parte asistencial que se prestaba no centro, garantindo a privacidade dos usuarios e usuarias”.  

“Acadamos así, por unha parte, actuar no aspecto físico, estético e práctico do inmoble, aproveitando moito máis o espazo útil do mesmo para adaptalo ás necesidades da veciñanza pero a reforma terá repercusión, fundamentalmente, na calidade dos servizos que se dispensan nel, logrando así unha mellora integral”, subliñou Lara Méndez. 

Os traballos realizados posibilitaron a creación de novas zonas máis amplas, cómodas e acondicionadas, tanto para a cidadanía como para o persoal municipal que tamén verá incrementada a súa seguridade grazas á compartimentación e segmentación de usos e áreas.  

Pola súa banda, a concelleira Olga López relatou que, “a partir de agora o complexo disporá dunha sala de espera mellor dimensionada, na que xa se contempla o mantemento da distancia social, un aspecto que se respecta igualmente na sala de lectura que cambia de ubicación para ofrecer unha maior confortabilidade”. 

Así mesmo, indicouse que as obras permitiron crear un habitáculo independente para os ordenanzas, unha sala de reunións para profesionais e un almacén multiusos, alén de dotar dunha maior versatilidade o espazo polivalente do Salón de Actos que agora se destinará á realización de actividades de animación talleres, Aulas Abertas, etc... 

Como principal vantaxe da remodelación, atópase a integración do equipo técnico na mesma parte do edificio, “de maneira que agora todas e todos os traballadores estarán xa na mesma planta, na procura dunha maior cohesión que reverterá igualmente na dilixencia coa que se aborden os procedementos administrativos”. 

Para Olga López, “esta reforma non só vén a dignificar o inmoble senón a valía do labor que desenvolve nel o persoal municipal. Un traballo constante e silencioso, que sendo así demostra a súa eficacia pero que, nun momento coma este, resulta transcendental para garantir que todas as persoas teñan acceso, en igualdade, aos recursos públicos cos que, dende as administracións, velamos polo seu benestar”, concluíu a concelleira.

0.18598818778992