Conclúen as obras de mellora do firme da LU-530 entre Lugo e Castroverde

LugoXa
Os traballos executáronse en 16,4 quilómetros cun investimento de 2 millóns de euros
LU-530-Castroverde-obras
4 Oct 2025

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de rehabilitación do firme na estrada autonómica LU-530 entre Lugo e Castroverde, cun investimento de 2 millóns de euros.

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou o resultado duns traballos que se desenvolveron ao longo de 16,4 quilómetros, desde o enlace coa autovía A-6 na capital lucense, no punto quilométrico 3,6, ata a entrada ao núcleo de Castroverde, no quilómetro 20.

Segundo explicou Arias, actuouse nos puntos da vía que presentaban un esgotamento estrutural do firme, sobre os que se aplicou unha nova capa de rodadura de altas prestacións. Ademais, procedeuse ao repintado das marcas viarias en todo o tramo e á renovación da sinalización horizontal na travesía de Castroverde, que xa fora acondicionada previamente no marco das obras realizadas entre este municipio e o final da estrada na Fonsagrada.

O delegado lembrou que o Goberno galego leva investidos nos dous últimos anos 3,2 millóns de euros na LU-530, o que permitiu actuar sobre máis de 44 quilómetros dos 58 que mide a estrada. Así mesmo, destacou que se incorporaron outras medidas destinadas a mellorar a seguridade viaria tanto do tráfico como dos peóns nas poboacións polas que atravesa a vía.

⚙ Configurar cookies
0.084923028945923