Conde defende a inclusión de Lugo na Alta Velocidade nunha visita á estación da capital
O cabeza de lista do PP por Lugo ao Congreso, Francisco Conde, e o número 1 ao Senado, José Manuel Barreiro, acompañados da presidenta provincial, Elena Candia, e de distintos alcaldes e voceiros, mantiveron un encontro na estación de tren de Lugo onde defenderon a inclusión de Lugo na Alta Velocidade "para superar a discriminación da provincia en materia ferroviaria por parte do Goberno de Sánchez". E é que, dixo Conde, “a herdanza que nos deixa o Goberno socialista e de Podemos durante estes cinco anos coa connivencia do BNG en materia de infraestruturas é unha herdanza que Lugo non merece e que dende o PP rexeitamos. O que nos deixa o PSOE, non é nin Alta Velocidade nin velocidade alta”.
Neste senso, os populares consideran que foi "unha lexislatura perdida, pois a velocidade dos trens Ourense-Lugo coas obras que está a facer o Ministerio é de 160 km/h, moi por debaixo das velocidades que alcanza un AVE (300 km/h), e tamén por debaixo das velocidades máximas do Eixo Atlántico (200 km/h)".
Os populares destacaron así a necesidade de apostar polas infraestruturas, tal e como recolle o seu programa electoral. Na súa folla de ruta, a calidade de vida da cidadanía depende directamente a calidade das infraestruturas e por iso cren que son claves para a vertebración do territorio, para as relacións sociais e para a competitividade económica.
LUGO, UNHA PROVINCIA ILLADA
Os populares indicaron que o Goberno de Sánchez non fixo máis que illar Lugo en materia de infraestruturas prexudicando a calidade de vida da cidadanía e lastrando o desenvolvemento e a competitividade do tecido empresarial. O agravio cada vez é maior e o actual Goberno non está facendo nada por corrixir este problema. “Temos suficientes exemplos deste déficit das comunicacións da provincia de Lugo co resto de España, tanto por ferrocarril como por estrada”, explica Conde.
O número 1 ao Congreso pola provincia de Lugo fixo referencia á liña ferroviaria que une Lugo con Ourense e que segue en obras no tramo Lugo-Monforte e sen servizo entre Monforte-Ourense; e lembrou o corte da A-6 en Pedrafita pola reconstrución do viaduto derrubado hai un ano no Castro. Estas carencias están a condicionar o futuro de Lugo na súa saída á Meseta pero tamén nas comunicacións con outras cidades galegas, como é o exemplo da autovía A-54 que comunica Lugo con Santiago e que aínda está sen rematar, ou da nacional N-540 e A-56 que conecta Lugo con Ourense.
Pola súa parte, José Manuel Barreiro, puxo de manifesto “que, dado o incumprimento de prazos polo Goberno seguiremos así algúns anos máis e o abandono ao que Sánchez somete á provincia de Lugo prodúcese coa aquiescencia dos representantes socialistas desta provincia nas Cortes”.
PROXECTO DE ALTA VELOCIDADE PARA LUGO
En maio de 2018 o ministro popular Íñigo de la Serna presentou un proxecto que conectaría Lugo coa alta velocidade rebaixando o tempo da viaxe a Madrid. Os populares resaltaron que “Sánchez e os seus socios só tiñan que levar adiante o proxecto que xa tiña listo para o seu desenvolvemento o Goberno do PP”. As actuacións previstas para este plan contaban cun investimento de 283 M€ e definía varias alternativas para implementar a alta velocidade na provincia de Lugo.
Por contra, "o Goberno non tivo reparo en amosar as súas intencións con Lugo desde o primeiro minuto. En 2019 a proposta de PGE do Goberno reducía nun 65% o orzamento contemplado por Rajoy para a renovación e as variantes entre Monforte e Lemos e nun 27% para electrificación entre Monforte e Lugo. Como consecuencia, este proxecto foi quedando fóra dos orzamentos do Estado, a pesares de que Sánchez chegou a dicir que en 2021 o servizo de alta velocidade chegaría a Lugo. Ano tras ano, foron rexeitando tamén as emendas do PP para tratar de minimizar o agravio ao que se estaba sometendo a Lugo en materia de infraestruturas e especialmente en ferrocarrís", din.
"Como exemplo, nos orzamentos deste ano o PP levou ao Congreso 3 emendas por máis de 25M€ nas que se pedía incrementar a anualidade orzamentaria en 2023 para impulsar a renovación da liña Monforte-Lugo, incluíndo as variantes de Rubián e Canabal-Os Peares, imprescindibles para reducir os tempos de conexión de Lugo con Ourense e, polo tanto, coa alta velocidade. Ademais de incluír unha partida de 150.000 euros para estudar a viabilidade para a conexión ferroviaria entre a cidade de Lugo e Santiago e de Lugo coa Mariña lucense. Unha iniciativa que foi aprobada no Congreso sen o apoio do PSOE", engaden.