Conde defendeu en Becerreá que “Feijóo sexa o primeiro presidente do Goberno nacido no rural”
Os candidatos que encabezan as listas ao Congreso e ao Senado por Lugo, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, afondaron durante un mitin en Becerreá na necesidade de “concentrar o voto na única alternativa, o Partido Popular, para comezar unha nova etapa de ilusión na que se goberne para todos”. O candidatos da provincia de Lugo destacaron que programa electoral do PP se marca como prioridade “dotar de oportunidades ao rural”, que Alberto Núñez Feijóo “coñece ben a nosa provincia e tamén a comarca da Montaña” polo que agardan que “Feijóo sexa o primeiro presidente do Goberno nacido no rural”.
Conde defendeu que “a xestión de Feijóo en Galicia o avala” e que “é o momento de levar a España o modelo galego” e deixar atrás “cinco anos de agravios a Lugo por parte do Goberno de Sánchez”. Nese sentido, citou o derrubamento dos viadutos do Castro, na A-6, polos que a autovía se mantén pechada e, polo tanto, “a nosa provincia incomunicada coa Meseta”. Despois de “perder un ano, agora rectifican e dánlle a razón a Galicia e ao sector do transporte, que xa avisaran que era preciso reconstruír os dous viadutos á vez”.
O popular tamén afeou a falta de apoio aos gandeiros cando, por exemplo, “non fixo nada cando o ministro de Consumo, de Podemos-Sumar, dixo que era de mala calidade”. A este respecto, o candidato do PP sinalou que “nós témolo claro: Galicia Calidade, a mesma que ten a Ternera Gallega Suprema”. E engadiu que “fronte ás críticas ás nosas granxas, o Partido Popular comprométese a rebaixar o IVE á carne para incentivar o seu consumo”.
Outras medidas que recolle o programa electoral do PP son a aprobación dunha Lei de desenvolvemento rural que inclúa un Plan de apoio á España despoboada, reducir os custos da enerxía, os combustibles e as materias primas e promover o relevo xeracional incrementando as oportunidades laborais tanto a mulleres como mozos e mozas. Ademais, como ten anunciado Alberto Núñez Feijó, “propoñemos a redución do IRPF ás rendas máis baixas, unha tarifa 0 para novos autónomos durante o primeiro ano e fomentar a conciliación”.
Tamén sinalou que o Partido Popular presenta un proxecto en positivo que inclúe a colaboración cos distintos sectores como, por exemplo, co turístico para aprobar un Perte específico dotado de recursos para modernizar os destinos turísticos e un Plan Renove da hostalería para instalacións e equipamentos.
VOTO ÚTIL
Os candidatos apelaron ao “voto útil” para botar a Sánchez da Moncloa que é o de apoiar ao Partido Popular porque “a esquerda vai facer todo o posible por formar Goberno e votar a Vox en Lugo é o mesmo que votar a Sánchez”.