Confirmada a existencia dun templo altomedieval en San Xoán da Pena, en Lugo
A parroquia lucense de San Xoán da Pena coonta cunha igrexa altomedieval datada de entre os séculos VIII e IX. Así o confirmou unha actuación arqueolóxica no xacemento do Adro Vello.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse ata esta parroquiapara coñecer o desenvolvemento dos traballos, que corroboraron a existencia dunha ábsida semicircular que pertenceu ao antigo templo prerrománico. No mesmo emprazamento construíuse despois unha igrexa románica de maior envergadura, se ben a igrexa parroquial foi trasladada no ano 1872 á ubicación actual, polo que se cumpre este ano o 150 aniversario do traslado.
A intervención arqueolóxica ten por obxectivo favorecer a caracterización e delimitación espacial do xacemento, así como a súa conservación e as visitas por parte da cidadanía. Conta cun orzamento de 12.000 euros.
Os labores iniciáronse o pasado luns coa limpeza dos muros e interior da capela e a súa contorna inmediata; afectan a unha superficie aproximada de 700 m2 na área na que se consideraba que se atopaba a antiga igrexa, trasladada
O lugar estaba cuberto de arboredo e vexetación, polo que resultaba difícil facer unha valoración dos restos existentes, podéndose só apreciar en superficie parte dun gran muro de cachotería de lousa que pertencería á antiga igrexa parroquial.
A intervención inclúe a realización de sondaxes arqueolóxicas valorativas no chan do espazo interior da capela; tamén se levan a cabo prospeccións na área para localizar posibles novos sitios ou elementos históricos relacionados con esta capela, que serán xeorreferenciados de cara o seu inventario. Igualmente, acometeranse pequenos traballos de conservación das estruturas localizadas, como os muros da igrexa, así como o levantamento topográfico mediante fotogrametría 3D da edificación e o seu contorno inmediato.
DESCUBRIMENTO
Os descubrimentos realizados na década dos anos 70 do século XX e os vestixios procedentes deste lugar que se conservan indicaban a existencia dunha primitiva igrexa, posiblemente de orixe prerrománica, que estaría en relación co proceso de poboamento e cristianización do territorio lucense entre a antigüidade tardía e a alta idade media.
As intervencións dos anos 70 realizáronse baixo a dirección de Ricardo López Pacho, profesor dun colexio da capital, ao abeiro do concurso da televisión público estatal Misión Rescate, dando como resultado o achado dos restos dunha ábsida escavada na rocha, así como ladrillos e pezas escultóricas de granito e mármore, entre as cales destacan dous capiteis de follas de acanto, unha basa e un posible canzorro, e tamén restos de pinturas, elementos que se atopan depositados na actualidade no Museo Provincial de Lugo e no Museo Diocesano, ou mesmo reaproveitados e depositados na igrexa nova de San Xoan da Pena.