Consolidan os restos arqueolóxicos de San Xoán de Pena para que podan ser visitados

LugoXa
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a realizar traballos arqueolóxicos que deixarán á vista a planta completa da antiga igrexa da Eirexe, no lugar coñecido como Adro Vello da parroquia lucense de San Xoán da Pena, e permitirán a súa visita.
restos sa xoan de pena xunta musealizacion
12 sep 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a realizar traballos arqueolóxicos que deixarán á vista a planta completa da antiga igrexa da Eirexe, no lugar coñecido como Adro Vello da parroquia lucense de San Xoán da Pena, e permitirán a súa visita.

As escavacións tamén pretenden chegar no interior ata o posible pavimento da última fase de uso da igrexa ou ao nivel das tumbas detectadas durante os labores de limpeza e prospección realizados hai uns meses. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha das actuacións e explicou que en total investíronse 30.000 euros no proxecto durante os últimos dous anos.

Os achados indican que neste lugar atopábase a antiga igrexa parroquial de San Xoán da Pena, trasladada no ano 1872 ao seu actual emprazamento; de orixe probablemente prerrománica, revela o proceso de poboamento e culto entre a antigüidade tardía e a alta idade media neste territorio lucense.

A intervención inclúe a diagnose, consolidación puntual e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas, garantindo en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita.

Durante a pasada semana leváronse a cabo labores de roza e mantemento nunha superficie aproximada de 700 m2 da parcela onde se atopa o xacemento. Tamén se procede á limpeza especializada dos muros e do interior do templo.

Afondar na investigación

A intervención permitirá afondar na investigación do xacemento arqueolóxico, que se documentará exhaustivamente, incluíndo o levantamento topográfico xeorreferenciado -mediante fotogrametría 3D- da área de actuación así como debuxos arqueolóxicos das estruturas exhumadas. Actualizarase o panel interpretativo coa incorporación dos resultados da campaña actual e acometeranse accións de difusión para a súa posta en valor.

Neste lugar leváronse a cabo unha serie de intervencións nos anos 70 do século XX baixo a dirección de Ricardo López Pacho, profesor do colexio dos Maristas de Lugo, ao abeiro do concurso de RTVE “Misión Rescate”, dando como resultado o achado dos restos dunha ábsida con planta de ferradura de 1.70 metros de diámetro escavado na rocha, así como ladrillos, pezas escultóricas de granito e mármore, entre as cales destaca dous capiteis de follas de acanto, unha basa e un posible canzorro, así como tamén restos de pinturas.

Estes elementos atópanse no Museo Provincial de Lugo e no Museo Diocesano, así como reaproveitados na igrexa nova ou depositados nas súas dependencias.

0.18313193321228