Conta atrás para a musealización da galería que atravesa a Muralla

LugoXa
A Xunta ultima en Lugo a musealización da galería que atravesa a Muralla na contorna da porta do Bispo Odoario
RAPA DAS BESTAS CARBALLO FRIOL
12 Xul 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades está a rematar os traballos de musealización da galería que atravesa a Muralla romana preto do Cubo VI, nas inmediacións da porta do Bispo Odoario, e outros elementos, como unha balsa rectangular que discorre paralela ao monumento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou os traballos, que se prevé completar no prazo dun mes. O investimento total alcanza os 78.780 euros -68.350 da obra máis os orzamentos da dirección de obra e a redacción do proxecto-.

Arias explicou que se están instalando as varandas e paneis expositivos así como a iluminación, e proximamente acondicionarase o xardín exterior, onde se realizaron escavacións para afondar no estudo das canalizacións.

Mantense a hipótese de que o conxunto formara parte dunhas instalacións máis amplas dedicadas á produción de curtidos, aínda que para coñecer a interpretación dos restos cómpre esperar á que rematen as intervencións e se completen os estudos derivados das mesmas. As novas escavacións confirman canalizacións do século XVI -aínda que se cre que puideron existir construcións previas- que posteriormente se reaproveitaron e estenderon á hora de planificar a rede de saneamento da cidade.

A intervención serviu para ampliar a comprensión da cidade durante as épocas alto imperial e baixo imperial, as diferentes infraestruturas e conexións que existían en cada momento, como a rúa ou intervallum xunto á Muralla, a evolución histórica durante a época medieval e moderna ou o plano hidráulico da cidade romana.

ANTECEDENTES

O túnel que atravesa a Muralla foi atopado durante as obras de rehabilitación do Cubo VI no ano 2016, e a Xunta decidiu ampliar as escavacións arqueolóxicas con miras á súa posta en valor. A análise dos morteiros determinou que había elementos orixinais romanos e outros que pertencían ao segundo cuarto do século XVI, e atopáronse entre os cascallos restos de coiros, cortizas de madeira e revestimento de alcatrán que reforzaban a teoría da curtiduría.

Foi preciso recabar a colaboración do concello para modificar a rede de saneamento e liberar o acceso á embocadura do pasadizo antes de acometer esta nova actuación.

Segundo recolle o proxecto da intervención, os curtidores agrupábanse no Burgo Vello de Lugo, en torno ao macelo ou matadoiro e A Tinería, onde estaban as tinas ou pilos de curtir, e tiñan a súa casa gremial na Rúa Nova. Esta artesanía de curtidos -xa implantada na idade media- de peles de vacún e caprino, era a industria máis importante tanto polo seu número de artesáns como polo seu valor económico.

0.36926794052124