Continúa a ampliación da beirarrúa en República Arxentina
Continúan os traballos de ampliación de beirarrúas que se están a realizar na contorna da rolda da República Arxentina. A área afectada comprende o treito de República Arxentina que discorre entre Pintor Corredoira e a rúa Santiago, que presentaba bastantes deficiencias e unha anchura insuficiente para o correcto tránsito de peóns.
Rubén Arroxo afirmou que “a actuación está practicamente rematada, actualmente a nova beirarrúa está case rematada e falta só desprazar a instalación do alumeado público para garantir a accesibilidade".
A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste 62.974,45€ nesta actuación, que estará rematada nas vindeiras semanas. Os traballos inclúen a renovación do pavimento con baldosas de formigón, aumentando o ancho da beirarrúa, ademais da renovación da rede de sumidoiros da zona e o desprazamento da instalación de alumeado público até a nova marxe.