Continúa a investigación sobre o xacemento de Corro dos Mouros, Lugo

LugoXa
s resultados de dúas mostras analizadas por carbono 14 sitúan a fase de construción deste xacemento arqueolóxico no século XIII antes de Cristo
Xacemento-Adai-Lugo
23 Xul 2024

Continúa a investigación sobre o xacemento de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), unha estrutura singular cuxa construción corresponde ao final da Idade de Bronce. A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) levan a cabo este estudo. Os resultados de dúas mostras analizadas por carbono 14 sitúan a fase de construción deste xacemento arqueolóxico no século XIII antes de Cristo, continuando a súa ocupación no séculos X e IX antes de Cristo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste 30.000 euros nesta intervención que promove a Universidade, baixo a dirección da profesora María Pilar Prieto Martínez. Ambos visitaron hoxe as escavacións, que permitiron exhumar parte do foso e do parapeto, e atopar numerosos fragmentos de cerámica de recipientes ben conservados.

Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo “roda”, que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 m –de norte a sur- e 30 m -de leste a oeste-, e unhas dimensións externas ao redor dos 52 metros de diámetro. A campaña dá continuidade aos traballos realizados pola Universidade o pasado ano, e ademais de constatar a boa conservación do muro interno que rodea perimetralmente todo o xacemento, permitiu observar a existencia dun muro de contención exterior e un recheo de xabre entre eles de, polo menos, 4 metros de anchura.

Tamén puido definirse o foso, de perfil en V con dous chanzos que suavizan lixeiramente a súa pendente, duns 7 metros de ancho e sobre 1,5 m de altura. Confírmase a existencia dunha coiraza de xeixo colocada sobre o muro de contención de gran anchura, probablemente ocupando todo o muro perimetral, onde se romperon cantos rodados de diverso tamaño para ser colocados como cubrición. Este tipo de xacemento está nunha fase incipiente de investigación en Galicia, xa que a día de hoxe só hai 13 investigados e outros 50 detectados.

Os estudos existentes, aínda preliminares, consideran que poderían ter unha funcionalidade funerario-ritual xa que no interior dalgún deles se localizaron unha serie de enterramentos en fosa, aínda que existe outra liña de investigación que interpretan este tipo de sitios como de uso habitacional e doméstico, como posibles proto castros do Bronce Final.

No Corro dos Mouros estanse a rematar os traballos de campo, que consistiron na roza do xacemento e da súa contorna e na realización da sondaxe arqueolóxica duns 32 metros de longo por 2 metros de ancho en todos os elementos (parapeto, foso, coiraza e interior do recinto). Como remate desta primeira fase da campaña arqueolóxica de 2024, mañá martes, ás 5 da tarde, levarase a cabo unha visita ao xacemento arqueolóxico, gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas, que será guiada pola directora da intervención. En setembro realizarase unha segunda fase que consistirá na prospección xeofísica, magnética e con xeorradar, para mellorar a delimitación e o seu contexto inmediato.

0.15592479705811