Continúa a limpeza de estradas na Terra Chá, Lugo e Sarria

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa
Os traballos de conservación contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas, e a reforzar a seguridade viaria.
estrada lugo sarria altas prestacions desbroce
25 Oct 2021

A Xunta continúa hoxe novas tarefas de limpeza nas marxes de distintas estradas autonómicas nas catro provincias galegas.

Esta semana iniciaranse dentro da provincia traballos na LU-751, nos municipios de Meira e de Ribeira de Piquín. Ademais, proseguirán os labores iniciados a pasada semana na estrada LU-540 ao seu paso polos municipios de Muras e de Xermade.

Ademais continuarase cos traballos de limpeza iniciados en semanas anteriores na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-
Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, O Corgo, O Páramo e Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.

Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. 

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.

0.15854501724243