Continúa a peonalización da Praza do Ferrol coa urbanización das inmediacións do Cuartel de San Fernando

LugoXa
Avanza a peonalización da Praza do Ferrol que acometerá agora a urbanización das inmediacións do Cuartel de San Fernando.
28 Dec 2023

Avanza a peonalización da Praza do Ferrol que acometerá agora a urbanización das inmediacións do Cuartel de San Fernando. Para executar os traballos a circulación rodada canalizarase nos próximos días dende San Marcos por Bolaño Rivadeneira cara a rúa Nova, sendo esta a principal modificación do novo Plan de Tráfico das obras.

A sinalización rematou de colocarse esta mesma mañá, cando se fixo efectiva a medida. Os tres proxectos de peonalización do Centro Histórico que se enmarcan na estratexia Corazón Verde continúan avanzando, se ben, nestes días a urbanización das inmediacións do Cuartel de San Fernando obrigará a un pequeno cambio na circulación rodada.

Os escasos vehículos autorizados para acceder ao recinto amurallado – persoas residentes, servizos, parkings soterrados e carga e descarga- terán dúas vías de acceso. Por un lado, mantense a anteriormente notificada xa, dende a rúa Montevideo con saída pola rúa Nova, como xa se estaba a facer, e tamén a entrada pola rúa do Teatro, atravesando San Marcos, coa única variación de que a saída deberá efectuarse por Bolaño Rivadeneira e rúa Nova, en lugar de pola Porta de San Fernando.

Só poderán seguir accedendo á rúa Amor Meilán pola Praza do Ferrol as e os residentes que teñen praza de garaxe na parte superior de Amor Meilán, mentres que o resto o fará pola rúa Nova como ata agora. As persoas que teñan a súa praza de garaxe na rúa San Froilán seguirán accedendo pola rúa Nova como facían nestas últimas semanas.

Plan de Tráfico

E as persoas que queiran acceder ao parking soterrado da Praza do Ferrol deberán facelo entrando ao recinto amurallado pola rúa do Teatro. Estes son os cambios máis significativos que experimenta o Plan de Tráfico das obras que esta mesma mañá entraba en vigor, logo de que os operarios das empresas adxudicatarias das obras remataran a colocación da sinalización pertinente coa que se indicará cales son as novas indicacións polas que se rexerá o tráfico de vehículos neste punto da capital.

Dende o Goberno local lémbrase que o acceso ao Centro Histórico está restrinxido ao estritamente necesario segundo o establecido, comunicado e sinalizado, con respecto á carga e descarga, residentes e traballadores, xunto coa utilización dos aparcadoiros soterrados, tratando de conciliar todos os usos como pode ser o traslado de mercadorías ou a entrada e saída ás vivendas e establecementos e en consonancia xa coa futura implantación da Zona de Baixas Emisións.

Ao tempo que se insta á poboación a actuar con responsabilidade e traer o coche ao Centro Histórico só nos casos nos que resulte inevitable, especialmente pensando no vindeiro venres, día 5 de xaneiro, cando se celebrará a Cabalgata de Reis. Para esta xornada e aínda que o percorrido da Comitiva se fará pola Rolda da Muralla ata a entrada da rúa Vilalba, por Bispo Aguirre e fondo da Praza Maior,  dende o Executivo e a Policía Local pídese á veciñanza unha maior concienciación do uso do coche nestes espazos nos que se agarda unha maior concentración de público.

0.19911599159241