Continúa a polémica polo desvío do tráfico a través da Rúa Nova durante as obras do centro

LugoXa
Continúa a polémica polo desvío do tráficos a través da Rúa Nova durante as obras de peonalización do centro da cidade
Rúanova Porta
2 Maio 2023

Hoxe comezaron as obras de peonalización do casco histórico cun plan de tráfico realizado "sen buscar consensos nin escoitar a ninguén, a pesar de que estes traballos vaian a afectar directamente a moitos veciños e empresarios do centro da cidade" segundo declaran dende o Partido Popular.

Recordan os concelleiros populares que "a semana pasada tanto a alcaldesa como o vicealcalde negáronse a apoiar no pleno unha proposta do PP para redeseñar o plan de tráfico destas obras que prevén desviar o tráfico das rúas Bolaño Rivadeneira e Montevideo pola rúa Nova, unha vía estreita, de entre 5 e 6 metros de ancho, que hai 24 anos que é peonil, e na que conflúen centos de vehículos".

Segundo os populares hai menos dun mes, "Lara Méndez afirmaba que o plan de tráfico non estaba pechado pero tras ver como se nega a escoitar á veciñanza e ao PP queda claro que a rexedora mentiu unha vez máis e non lle importa ningunha opinión máis aló da súa propia”.

Para o Partido Popular "o plan de tráfico de Lara Méndez é un despropósito e o peor é que en ningún momento tiveron a mínima intención de buscar consensos” cando para os populares o máis lóxico sería “desviar todo o tráfico pola praza do Ferrol, habilitando a porta de San Fernando de dobre sentido de circulación”. O que se conseguirá  é que "pola Rúa Nova, unha vía pola que camiñan miles de persoas a diario, haxa miles de vehículos circulando cada día por unha rúa que ten un ancho de entre 5 e 6 metros".

Para os populares queda claro que canalizar o tráfico pola rúa Nova “é un erro” poñendo de relieve que “non se poden levantar ao mesmo tempo a praza do Ferrol e Montevideo e Bolaño Rivadeneira sen crear perigos innecesarios xa que se trata dunhas zonas que concentran accesos a aparcadoiros públicos e privados, un colexio, un instituto, numerosos comercios e negocios, un centro de saúde e un hospital".

Pola súa parte a asociación Lugo Monumental Lugo Monumental pídelle ao Concello que "recapacite sobre o desvío de tráfico por Rúanova que terá lugar hoxe mesmo, segundo os anuncios realizados polo goberno local". Tanto a asociación de empresarios do centro histórico, como a recentemente creada plataforma de veciños da zonae a oposición "considerar un grave erro o plan municipal de facer transitar o tráfico rodado por unha rúa estreita e totalmente peonil como Rúanova, habendo alternativas".

Dende Lugo Monumental presenta dúas alternativas ao plan municipal, en primeiro lugar "utilizar San Fernando como entrada e saída de vehículos e, ao avanzar as obras, Montevideo e Bolaño Ribadeneyra" e en segundo lugar "á vista dos condicionantes esixidos polo Goberno Local dada a súa mala planificación das obras, propúxose o plan alternativo de usar Quiroga Ballesteros deseñado polo arquitecto Anxo Sánchez. Ambas as opcións demostran que é posible evitar o uso de Rúanova, unha rúa que a día de hoxe resultará problemática para o tránsito de vehículos en gran número".

0.21820187568665