Continúa a rehabilitación da Casa da Cultura de Antas de Ulla

LugoXa
O delegado do Goberno en Galicia comprobou in situ a nova distribución dos espazos, destacando a accesibilidade do edificio, así como a mellora do illamento
casa_cultura_antas_de_ulla
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, coa alcaldesa, Pilar García Porto, e a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez
28 Maio 2024

Continúan as obras de rehabilitación da Casa da Cultura de Antas de Ulla, que contan co financiamento do PIREP Local, dentro do Plan de Recuperación, do Ministerio de Transportes. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse ata este concello para supervisar o avance das obras acompañado pola alcaldesa, Pilar García Porto, e a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez.

O delegado comprobou in situ a nova distribución dos espazos, destacando a accesibilidade do edificio, así como a mellora do illamento “que se traducirá nun aforro enerxético importante tanto para as arcas municipais como para o obxectivo que perseguimos de sustentabilidade ambiental”. Neste senso, subliñou o carácter municipalista do programa, “que permite o acondicionamento de edificios públicos en concellos pequenos do rural Goberno”.

Pedro Blanco trasladou á rexedora a importancia da colaboración interinstitucional, agradecendo o seu traballo para axilizar o comezo das obras que converterán este espazo cultural “nun lugar polivalente que funcionará como local de ensaio das asociacións, sala de concertos e biblioteca”. Actualmente empregan estas instalacións Fiadeira, o grupo de Teatro, a Coral e a Escola de Música da Banda de Música de Antas.

A reforma do edificio da Casa da Cultura de Antas de Ulla foi incluída no Programa PIREP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, cun investimento de 810.000 euros. Este programa ten como obxectivo colaborar coas administracións autonómicas e locais para a rehabilitación de edificios públicos, e céntrase na mellora da eficiencia enerxética e a calidade arquitectónica destas instalacións.

Tras a firma do contrato coa empresa adxudicataria e a correspondente acta de replanteo, xa deron comezo as obras que incluirán a reforma da envolvente enerxética do edificio actual da Casa da Cultura, favorecendo a sustentabilidade e gañando en confortabilidade. Manterase o equipamento da Biblioteca e reordenarase o resto do espazo dispoñible.

0.13403797149658