Continúa a renovación da pavimentación da zona da Croa
Estase a renovar a pavimentación na zona da Croa, no barrio de Albeiros. Rubén Arroxo explicou que “desde a área de Mobilidade e Infraestruturas seguimos a traballar nas zonas periurbanas da cidade para garantir que as veciñas e veciños teñan garantidas cuestións importantes como a seguridade viaria ou a accesibilidade en todos os puntos da cidade”.
Na zona da Croa estase a renovar o asfalto nos viais que quedaron pendentes despois da renovación da rúa Romeu a finais do ano 2019, que contaban cun asfalto moi deteriorado polo paso dos anos. O asfalto renovarase cunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que garantirá un selado do firme ante a acción da auga superficial e garantirá unha prolongada duración da actuación.
Os traballos previos ao asfaltado consistirán na limpeza da área de actuación e a reconstrucción do firme para evitar que os defectos da capa base poidan chegar á nova banda de rodadura. Unha vez se remate o asfaltado, adaptaranse os rexistros e renovarase a sinalización horizontal e vertical. A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste en total 34.001 euros na realización desta actuación.