Continúa aberto o prazo para as axudas ao talento deportivo

LugoXa
Continúa aberto o prazo para unha nova convocatoria de bolsas municipais ao talento deportivo, por importe de 26.
Talento deportivo becas
11 Ago 2023

Continúa aberto o prazo para unha nova convocatoria de bolsas municipais ao talento deportivo, por importe de 26.000 euros, coas que se pretende recoñecer o esforzo e a capacidade de superación da mocidade lucense. Trátase das axudas para deportistas individuais ás que poderán concorrer as persoas federadas que naceran entre 2004 e 2009 e que acrediten logros deportivos na pasada tempada.

“A través desta iniciativa buscamos recoñecer o mérito das e dos deportistas máis novos, pero tamén enxalzar a capacidade de superación que transmiten ao conxunto da sociedade co seu esforzo”, explicou Jorge Bustos, edil responsable da área de Deportes do Concello, quen subliñou que se apoiará a “aqueles rapaces e rapazas que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como nacional, na pasada tempada”.

Deste xeito, tal e como se recolle nas bases, se terán en conta para o seu outorgamento a puntuación acadada en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto) así como, entre outras variables, ter superado o curso académico.

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e entregaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben empregando os medios que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

“O noso obxectivo é fomentar a práctica de actividade física e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental que poidan contar cunha cobertura económica axeitada que, entre outros gastos, atenda aos derivados do necesario reforzo educativo que precisan”, explicou o responsable de Deportes.

O Concello de Lugo entrega as axudas ao Talento Deportivo Individual desde o ano 2008 co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, para o que se valora tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores e receptoras das mesmas máis de 650 deportistas.

0.2215940952301