Continúa en Lugo a programación conmemorativa polo 75 cabodano de Castelao

LugoXa
A Deputación de Lugo e o Museo Provincial convidan a toda a cidadanía a participar nesta programación
75-cabodano-de-Castelao-Museo-de-Lugo
26 Feb 2025

A programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para conmemorar o 75 cabodano de Castelao continúa este venres, 28 de febreiro, cunha xornada dedicada á vixencia do seu pensamento e obra artística.

O evento, coordinado por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, terá lugar no Museo Provincial de Lugo e reunirá expertos no legado do intelectual galeguista.

A xornada contará con diversas ponencias que abordarán a relevancia de Castelao na Galiza actual. Entre os relatores estarán Pilar García Negro, sociolingüista e escritora que recentemente reeditou "Arredor de Castelao no século XXI"; Miguel Anxo Seixas, historiador e presidente da Fundación Castelao; e Francisco Rodríguez, político nacionalista, quen analizarán o pensamento do rianxeiro e a súa pegada na sociedade galega.

Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda sobre a produción artística de Castelao, con intervencións de Iria-Friné Rivera, María Victoria Carballo Calero e Diana Vila Meis, que profundarán na iconografía e simbolismo da súa obra plástica.

Programa da II Xornada sobre a Vixencia de Castelao no Pensamento e na Arte

  • 16.00 horas. Presentación a cargo de Iria Castro Fernández, deputada Delegada da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
  • 16.15 horas. 'Arredor de Castelao no s. XXI' - Pilar García Negro.
  • 17.00 horas. 'Castelao, entre a retórica e a aniquilación' - Francisco Rodríguez.
  • 17.30 horas. 'Castelao: beleza e verdade' - Miguel Anxo Seixas.
  • 18.00 horas. Mesa redonda 'A arte de Castelao', con Iria-Friné Rivera: '(Extra)ordinarios personaxes: Un ollo de vidro'.; M.ª Victoria Carballo Calero: 'Do enigmático na arte/na pintura: O Souto dos gatos de Castelao, 1943'; e Diana Vila Meis: 'Representacións da nenez en Castelao artista'.
  • 19.00 horas. Debate-coloquio.
  • 19.30 horas. Visita técnica guiada ás exposicións de Castelao no Museo Provincial de Lugo, a cargo da directora, Aurelia Balseiro García.

A Deputación de Lugo e o Museo Provincial convidan a toda a cidadanía a participar nesta programación que busca manter viva a memoria e o legado dun dos maiores referentes culturais de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.15766406059265