Continúa en Lugo o xuízo contra Alcor Seguridade por supostos delitos contra os traballadores
Esta semana continuará o xuízo que se está a celebrar na Audiencia Provincial de Lugo contra directivos de Alcor Seguridade por supostos delitos contra os traballadores. Acúsaselles someter aos seus traballadores a condicións laborais ilegais durante anos nas súas distintas delegacións repartidas por todo o territorio nacional.
Durante a primeira semana de vista comezaron a declarar traballadores e extraballadores da empresa, "na que moitos confirmaron a realización de xornadas maratonianas, semanas sen librar en condicións infrahumanas, a firma de documentos en branco para poder ser contratados e a obrigación de entregar facturas de produtos de consumo persoal co CIF da compañía se querían cobrar as horas realizadas. Todo iso supostamente imposto tanto polo propio Director da empresa Carlos Somoza, como polos demais responsables da empresa nos diferentes territorios, tamén sentados no banco dos acusados", afirman desde o sindicato FTSP-USO.
Tamén declararon varios axentes da Policía Nacional que participaron na investigación dos supostos delitos denunciados por varios traballadores e a Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO), narrando ao detalle as operacións de rexistro realizadas de forma simultánea nas diferentes sedes da empresa e na súa central en Monforte de Lemos.
"Desta operación confirman a existencia nas caixas fortes na compañía de documentos en branco coa firma de traballadores, así como documentación relativa á realización das horas e método de pago das mesmas. Das declaracións dos traballadores en sede policial tamén extraen a coincidencia nas en canto á obrigatoriedade de presentar facturas falsas para cobrar, firma de documentación en branco para ser contratados e a imposición de xornadas maratonianas sen descanso durante semanas", afirman.
Os Axentes adscritos á Unidade Central de Seguridade Privada da Policía Nacional tamén declararon sobre as escoitas telefónicas realizadas, "das que extrae, sen dúbida, probas contundentes das supostas prácticas ilegais contra os dereitos dos traballadores".