Continúa en Piúgos o ciclo de obradoiros promovidos pola Tenencia de Alcaldía de Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron Piúgos, onde se está a realizar un curso de restauración de mobles dentro do ciclo de obradoiros promovidos pola Tenencia de Alcaldía para as asociacións veciñais do rural no ano 2024. As distintas asociacións poderán desfrutar de cursos de distintas temáticas, como de poda, inxerto, restauración, cociña, pandeireta ou repostería.
O tenente alcalde amosou o seu compromiso con todas elas para "ampliar o alcance das asociacións con estes novos cursos que axudan a recuperar as actividades e os oficios da nosa cultura, e innovar noutros". Ademais, Dende o Goberno municipal seguen traballando “para facer funcionar o tecido asociativo tamén a través das partidas orzamentarias" polo que, insiste, "tanto axudas económicas coma obradoiros conviven e danse ao mesmo tempo".
A área de Participación entregou o pasado ano un total 10.691,12 euros ás asociacións veciñais do concello de Lugo para executar proxectos relacionados co asociacionismo, o voluntariado e a participación cidadá, ademais de incluír gastos de mantemento e funcionamento necesarios para a realización das iniciativas. Rubén Arroxo destacou que "esta liña de subvencións permiten que as distintas asociacións veciñais de Lugo poidan manter a súa actividade ao longo do ano".