Continúa este mércores a programación do Festival de Música do Corpus
Este mércores, 7de xuño, o Círculo das Artes acolle un novo concerto dentro da programación do Festival de Música Cidade de Lugo.
O concerto dará comezo ás 20.30, a cargo da incomparable soprano italiana Roberta Invernizzi xunto a Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas. Levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas, facendo un percorrido por tres séculos de música operística.
O presente programa é unha aposta novidosa e heterodoxa. A ópera xa dende os seus comezos saíu dos teatros para formar parte da vida privada e pública da xente. As melodías dos seus personaxes non tardan en introducirse en salóns, fogares, festas, recepcións, banquetes, xardíns, desfiles, balnearios, igrexas, prostíbulos, salas de xogo, conventos, palacios, catedrais e demais ámbitos. A ópera causa furor e o público non se conforma con gozala só nos teatros, sería realmente un fracaso se se limitase só a este espazo; por esta razón pronto empezan a circular arranxos e adaptacións de mil e unha formas para que ninguén, ben sexa tocándoa un afeccionado tranquilamente na súa casa ou ben contratando a músicos, se quedase sen gozar dunha famosa aria ou calquera pasaxe que estivese de moda. Evidentemente, o arranxo, adaptación ou transcrición para un ou poucos instrumentos era un recurso obrigado para moitos destes ambientes, onde loxicamente dispor dunha orquestra era absolutamente inviable.
Neste recital presentase un variado repaso por un fenómeno complexo, o da ópera italiana como parte da vida privada a través de 300 anos. De maneira sucinta adiantamos algunhas das curiosidades que presenta este programa, cun repertorio en ocasións moi coñecido pero en versións coetáneas aos seus orixinais que nos resultan realmente chamadoras. Aquí poderán escoitar cousas tan singulares como partes do protagonista do Orfeo de Monteverdi en versión para soprano; arias sen as longas introducións instrumentais dos seus orixinais, como a famosa Casta Diva de Bellini, e os exemplos de Vidaldi e Cesti, arranxos moi afastados no tempo pero con moito en común; unha aria para violín só sen acompañamento, unha práctica moi habitual no Londres do dezaoito e que hoxe se nos presenta como estrañísima, e un Rossini para voz e guitarra, adaptando a orquestra ao son e recursos deste instrumento.
En xeral, hoxe parécenos que hai moita distancia entre Monteverdi e Verdi, pero hai moito máis en común do que normalmente pensamos. Demostrar isto é o que se pretende, ademais de dar visibilidade a unha maneira de ver a música teatral á que se prestou moi pouca atención.
Roberta Invernizzi
Nacida en Milán, estudou piano e contrabaixo antes de comezar os seus estudos de canto con Margaret Heyward. Especializada no repertorio barroco e clásico, é hoxe unha das máis eminentes solistas neste ámbito. Cantou na maior parte dos teatros máis importantes de Europa e os EUA, traballando con directores como Nikolaus Harnoncourt, Ivor Bolton, Ton Koopman, Gustav Leonhardt, Frans Brüggen, Jordi Savall, Alan Curtis, Giovanni Antonini, Fabio Biondi, Antonio Florio, Rinaldo Alessandrini e Ottavio Dantone, colaborando regularmente con agrupacións como Concentus Musicus Wien, Accademia Bizantina, Il Giardino Armonico, Cappella de la Pieta dei Turchini, Concerto Italiano, Europa Galante, Ensemble Matheus, Orquestra Barroca de Venecia, Archibudelliy RTSI Lugano.
Cantou o papel de Armida no Rinaldo de Handel no Teatro alla Scala de Milán; Nerone na Agrippina de Haendel con Alan Curtis, no Teatro Real de Madrid; o rol titular na Satira de Cavalli no Teatro San Carlos de Nápoles; Olimpiade de Galuppi con Andrea Marcon e a Orquestra Barroca de Venecia no Teatro La Fenice; Ercole sul Termodonte de Vivaldi e Virtu degli Strali d´Amore con Fabio Biondi no Teatro La Fenice…
En recentes aparicións cantou os papeis principais de obras como a Misa en do menor e Davide Penitente de Mozart no Musikverein de Viena e no Styarte Festival con Harnoncourt; o papel titular de Sant´Elena al Calvario con Biondi no Festival de Salzburgo; Acis, Galatea e Polifemo no Festival de Salzburgo con Il Gardino Armonico; La Santissima Trinità de Scarlatti no Théâtre des Champs Elysées de París e en Palermo con Europa Galante; Trionfo del Tempo de Handel con Martin Haselböck e La Vergine dei Dolori no Teatro San Carlos de Nápoles con Rinaldo Alessandrini. En setembro de 2009 foi aclamada pola súa intervención no Orfeo de Monteverdi no Teatro alla Scala de Milán baixo a dirección de Rinaldo Alessandrini coa dirección escénica de Robert Wilson.
Participou en máis de 80 rexistros discográficos, moitos deles foron primeiras gravacións mundiais, para selos como Sony, Deutsche Grammophon, EMI/Virgin, Naïve, Opus 111, Symphonia, Glossa… Algunhas delas foron recoñecidas pola crítica especializada con premios como Diapason D’Or do ano, Choc du Monde de la Musique, Cinco Estrelas de Goldberg, Grammophone Awards e Deutsche Schallplatten Preis. O seu disco en solitario Dolcissimo Sospiro coa Accademia Strumentale Italiana gañou o recoñecido Midem Classical Awards e o Stanley Prize, premio este último que volveu recibir polo seu disco, tamén en solitario, dedicado ás Cantatas italianas de Hendel para Glossa como mellor gravación de música de Hendel do ano 2010.
Invernizzi ofrece clases maxistrais de canto na Scuola Civica de Milán e na Universidade de Viena.
OUTROS CONCERTOS
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pechara o festival o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular, con un programa adicado a sinfonías de Mozart e Schubert.