Continúa este xoves a programación do Festival de Música do Corpus

LugoXa
Continua o Festival de Música Cidade de Lugo no auditorio do Conservatorio de Lugo co concerto a cargo de Pierre Hantaï
portada festival de musica do corpus de lugo portada
24 Maio 2023

O xoves 25 de maio continúa o Festival de Música Cidade de Lugo – 50 Semana de Música do Corpus, no Círculo das Artes de Lugo, co clavecinista francés Pierre Hantaï que lembrará ao seu mestre Gustav Leonhardt cun programa que xirará arredor das transcricións de este último de obras de J. S. Bach para outros instrumentos.

Nacido en 1964, Pierre Hantaï empezou a estudar música aos once anos. Deu as súas primeiras clases de clave con Arthur Haas e perfeccionou a súa formación durante dous anos en Ámsterdan con Gustav Leonhardt. Tras fundar un grupo de cámara cos seus irmáns (Hantaï Trío), empezou moi pronto a dar os seus primeiros recitais e o seu nome pasou a ser coñecido grazas á obtención de diversos premios internacionais, converténdose nun dos principais clavecinistas de referencia mundial.

Membro e solista da Petite Bande, colaborou tamén en concertos orquestrais e de música de cámara con directores como Philippe Herreweghe, Jordi Savall e Sigiswald Kuijken. Como solista, ofrece regularmente recitais en Europa, Estados Unidos de América e Xapón. A súa discografía está integrada por obras de Gilles Farnaby, John Bull, Girolamo Frescobaldi, Johann Sebastian Bach, Domenico Scarlatti, e Wolfgang Amadeus Mozart, e encóntrase recollida nos selos Astrée-Audivis, Opus 11, Musidisc e Virgin Veritas. Algunhas destas gravacións foron distinguidas con premios tan importantes como o Charles Cros ou o Gramophone Award.

Gustav Leonhardt finou o 16 de xaneiro de 2012 aos oitenta e tres anos de idade deixando tras de si un legado incomparable. Auténtico pioneiro como clavecinista e como impulsor do movemento de interpretación historicista, legou como solista e director unha extensísima discografía que percorre a literatura musical europea dende o século XVI ao XVIII, así como unha forma de facer que estivo sempre presidida polo rigor e por unha austeridade case ascética.

Leonhardt foi un grande da música e os seus discípulos non o esquecen. Un dos máis brillantes, o parisiense Pierre Hantaï, dedícalle esta homenaxe cun repertorio moi singular, xa que está dedicado case enteiramente a Bach, pero un Bach visto a través das mans e a mente do homenaxeado, pois trátase, fundamentalmente, de transcricións deixadas polo propio Leonhardt. O mestre visto polo mestre. Constitúe un feliz reencontro de dous referentes indiscutibles na historia do clave, baixo a titánica sombra de Bach. Pero, máis alá diso, é tamén unha exploración metainterpretativa ancorada nunha práctica, como a da transcrición para tecla de obras orixinalmente destinadas a outros instrumentos, na que o Kantor foi así mesmo un consumado mestre. Hantaï volve a Bach a través de Leonhardt, un dos seus principais preceptores, é difícil idear mellor tributo.

Nas seguintes citas do festival Lawrence Zazzo & Tercia Realidad, Roberta Invernizzi con Ars Atlántica ou La Bellemont serán os grandes protagonistas, xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Sinfónica Vigo 430. En total 8 concertos que conforman unha programación heteroxénea que abrangue 5 séculos de música coas premisas básicas de apostar pola calidade e pola diversidade de enfoques e repertorios.

O contratenor estadounidense Lawrence Zazzo, xunto coa orquestra barroca con instrumentos orixinais Tercia Realidad, dirixida por Jorge Jiménez, abordará un programa centrado na música sacra de Vivaldi no que destaca o seu famoso Stabat Mater; a gran soprano italiana Roberta Invernizzi e Ars Atlántica, grupo dirixido polo arpista Manuel Vilas, levarán a cabo un programa de “recuperación” de arranxos de cámara de arias de ópera italianas ao longo de tres séculos; o grupo historicista La Bellemont xunto coa soprano francesa Armelle Morvan ofrecerán os seus propios arranxos de corais luteranos do propio J. S. Bach e dalgúns dos seus predecesores máis influentes. A oboista galega Iria Folgado interpretará o concerto para óboe de Richard Strauss xunto coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Vicent Alberola, que tamén abordará a Sinfonía nº 9 de Shostakovich xunto con unha obra de estrea do vigués Juan Eiras. A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pechara o festival o 9 de xuño co que será un dos últimos concertos de Dima Slobodeniouk como o seu director titular, con un programa adicado a sinfonías de Mozart e Schubert.

Todos os concertos celebraranse no Círculo das Artes de Lugo. Serán con entrada de balde ata completar a cabida. O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.

Cartaz semana musica corpus lugo
0.19955492019653