Continúa o XVII Salón do Automóbil en Lugo
Esta fin de semana o Pazo de Feiras de Lugo acolle o XVII Salón do Automóbil. Os vehículos novos, semi-novos, de quilómetro cero e de ocasión forman parte da ampla oferta desta cita, xa consolidada como un referente “para a dinamización do sector da automoción e, polo tanto, para o desenvolvemento da actividade económica da nosa provincia”, asegura o deputado de Participación Cidadá, Iván Castro.
Ata o 10 de marzo, poderase visitar o evento que vai na liña dunha das actuacións prioritarias que impulsa a Deputación como é “o apoio aos sectores produtivos para xerar emprego de calidade”. Os asistentes terán unha nova oportunidade de coñecer as novidades do sector do automóbil o vindeiro fin de semana, xa que do 15 ao 17 presentaranse os coches de ocasión. O evento conta cun horario continuado de 11.00 a 21.00 venres e sábado, mentres que os domingos pecharán as portas ás 20.00 horas.