Continúan a fomentar o transporte público en Lugo
O tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, anunciou que a Tenencia de Alcaldía continúa coa campaña de promoción do bus urbano "Por Lugo, vai en Bus", unha campaña que pretende fomentar o uso do transporte público entre as veciñas e veciños de Lugo. "O bus urbano permite máis facilidades fronte o vehículo privado, como non buscar aparcamento, contribuír a reducir as emisións contaminantes e aumentar a seguridade viaria, ao ter menos vehículos circulando polas rúas", explica Arroxo.
Destacou as distintas facilidades postas en marcha para que a veciñanza teña información sobre a situación da rede de transporte público. O portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com permite saber en directo canto falta para que o bus chegue á súa parada. O servizo conta coa información en tempo real de 275 paradas, "a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concorridas do servizo de transporte público".
A través desta web, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. Rubén Arroxo destacou que "continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais". A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas.
"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64 euros a 0.45, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60.