Continúan a traballar na renovación do asfalto en Lugo
O Goberno de Lugo continúa a traballar na renovación do asfalto de 3 vías da zona norte da cidade. Alexandre Penas, concelleiro responsable de Infraestruturas Urbanas, explicou que seguen a traballar “nas zonas urbanas e periurbanas de Lugo cunha nova actuación que permitirá renovar o firme de tres vías cun importante desgaste debido ao intenso uso".
Renovarán o asfalto da avenida Breogán, no treito que a une coa N-VI, a rúa Santo Graal, entre o número 159 e a vía de servizo da N-VI e a rúa Salvia, construíndo unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, ademais da reconstrución do firme en todo o seu espesor, para evitar novos defectos que afecten á capa de rodadura. Renovarase tamén a sinalización horizontal.
Os traballos foron adxudicados por 41.447,99 euros, e contan cun prazo de execución de 5 semanas. "Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas", afirmou Rubén Arroxo, que lembrou que nos últimos anos se realizaron intervencións para mellorar os espazos públicos en todas as rúas e zonas da cidade, planificando as necesidades tanto a través das solicitudes das veciñas e veciños como das distintas visitas aos barrios.