Continúan as actuacións de mellora de vías públicas planificadas para o comezo de setembro

LugoXa
Alexandre Penas visitou a rúa Quiroga, que se está a asfaltar en conxunto coa praza Fonte dos Ranchos
obras-asfaltado-fonte-dos-ranchos
11 sep 2024

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a rúa Quiroga e a praza Fonte dos Ranchos onde na xornada de hoxe se están a executar as renovacións de asfalto planificadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas. Penas explicou que "con esta actuación continuamos a mellora da contorna, despois de executar o ano pasado unha renovación integral do asfalto da avenida das Américas". O Goberno de Lugo está a renovar o asfalto da rúa Quiroga e a praza Fonte dos Ranchos, buscando "garantir o bo estado das vías públicos e mellorar a seguridade viaria en toda a cidade".

O Goberno de Lugo intervirá en todas estas zonas cunha renovación integral do asfalto, construíndo unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, ademais da reconstrución do firme en todo o seu espesor, para evitar novos defectos que afecten á capa de rodadura, xunto co pintado de nova sinalización horizontal.

Penas destacou que a área de Mobilidade e Infraestruturas planificou "un inicio de setembro con múltiples traballos en toda a cidade". Nestes días traballouse tamén na rúa Santo Graal, no treito que une o número 159 desta rúa coa área de servizo, na rúa Salvia, ou avenida Anxo López Pérez, ademais de avanzarse na creación de novos pasos de peóns elevados en Fontiñas, Curros Enríquez e rúa Mazaira.

"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos, aumentando a calidade de vida das veciñas e veciños", explicou Alexandre Penas, que lembrou que a área de Mobilidade e Infraestruturas planifica as intervencións de mellora dos espazos públicos segundo as peticións e solicitudes veciñais e cun importante traballo de visitas aos barrios.

0.095092058181763