Continúan as melloras nas vías de varias parroquias de Lugo
A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a apertura dos procedementos de contratación da mellora de estradas en seis parroquias do rural. Actuacións que o Executivo desenvolve ao abeiro do Plan Único de Cooperación entre a Deputación Provincial e os Concellos.
Así pois, sinalouse que estas intervencións alcanzan un investimento de 329.120 euros e beneficiarán directamente aos veciños e veciñas que viven nas parroquias de Tirimol, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira e que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos.
Os traballos que se levarán a cabo son a mellora e rexeneración do firme nas seguintes vías: na estrada municipal dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei; a estrada municipal de Conturiz a Cardoso -nas parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos-; a estrada municipal da N-540 á estrada de Bazar e da N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo.- na parroquia de Calde-; a estrada municipal da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera; a estrada municipal da LU-P-2901 á LU-P2901 en Poutomillos e a estrada municipal da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira.