Continúan as melloras no parque Rosalía de Castro

LugoXa
Volve a funcionar o mapa da península ibérica do parque Rosalía de Castro que disporá de luces led e circuíto de auga en activo.
lara mendez parque rosalia
29 May 2021

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández supervisou na mañá de onte a posta en funcionamento do Mapa da Península Ibérica do Parque Rosalía de Castro, logo de que a instalación permanecera inactiva durante moitos anos. 

A alcaldesa explicou que, “dende hoxe, este pequeno pero destacado espazo do parque recuperará o seu cometido pedagóxico e cultural, xa que este mapa non só ten un valor didáctico senón tamén emocional ao ser aquí onde moitas xeracións de lucenses adquiriron e reforzaron os seus coñecementos de xeografía”. 

Lara Méndez deu conta, tamén, do funcionamento do mesmo que sinalizará con luz led branca as capitais de provincia e Lisboa, e de cor vermella os 14 faros que contén, dispoñendo, alén, dun circuíto de auga plenamente operativo para situar o leito dos ríos do país.  

A alcaldesa subliñou a importancia histórica deste mapa cartográfico, que data de 1928.  

“Foi o presidente do directorio militar, Miguel Primo de Rivera quen propuxo a súa colocación cando o alcalde da época, Ángel López Pérez, o levou no seu propio automóbil a visitar o Parque. Dese paseo xurdiu o acordo, ratificado logo o 24 de xuño de 1929, para adquirir á casa Hypzos, este mapa, realizado a escala 1:250.000 - e cunhas dimensións aproximadas de 4’90 metros de Leste a Oeste e de 3’60 m de Norte a Sur -, que tivo un custo económico para o Concello de 11.650 pesetas”, explicou a rexedora. 

A actuación enmárcase dentro do plan de melloras e de acondicionamento intensivo que o executivo de Lara Méndez está a levar a cabo no parque Rosalía de Castro para conmemorar o seu centenario o vindeiro 2 de xullo.  

“Unha zona verde emblemática da capital, que queremos poñer en valor para dignificar os fortes lazos identitarios e afectivos que nos unen con ela”, recoñeceu Méndez. 

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, indicou que, entre as intervencións previstas figuran as executadas dentro do I Plan Municipal Sociolaboral Muramiñae Rehabilita, cofinanciado con fondos FEDER, “co que se recuperaron os máis de 200 bancos de madeira, así como tamén o pintado dos 92 farois, a reposición de azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil. Melloras todas elas que reverterán no atractivo e confort que o parque lucense de referencia ofrece a veciñanza e visitantes”, concluíu o edil.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19821095466614