Continúan as mobilizacións en CAPSA para a suba salarial
Os traballadores e as traballadoras da factoría que Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) ten en Robra (Outeiro de Rei) continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para esixirlle á empresa que cumpra coas garantías económicas recollidas no convenio propio. O persoal realizou un paro laboral de dúas horas e concentrouse diante das instalacións dende ás 13.00 ás 15.00 horas.
O comité (con representación íntegra da CIG) lembra que despois de varias reunións solicitando que faga efectiva a revisión salarial conforme ao IPC real, tal e como se recolle no convenio colectivo, a empresa aínda non aplicou o incremento nin manifestou vontade neste sentido.
Para os traballadores e as traballadoras resulta "gravísimo este incumprimento do convenio, máxime nun momento no que o custe da vida está disparado e os salarios perden poder adquisitivo a causa da elevada inflación". Por iso, ante a falta actualización dos soldos nos termos pactados no convenio, o persoal acordou iniciar mobilizacións.
O persoal de CAPSA leva varias reunións solicitando a efectivización da revisión salarial pactada ó IPC real para o centro de traballo de Robra, sen que a empresa, na mesma sintonía que a patronal do sector lácteo, veña a asumir o asinado no convenio.
A xornada de mañá, como consecuencia da aceptación das medidas cautelares previstas polo xulgado a petición da CIG, contará cunha maior afluencia do persoal ó entenderen que a proposta da empresa poidera ter vulnerado o dereito de folga do persoal.
É impresentable que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que declara enormes beneficios e unha imaxe mediática de forte compromiso co sector, se aveña a contravir os termos pactados na negociación colectiva.