Continúan as obras na igrexa de San Pedro en Lugo

LugoXa
Avánzase nas obras de rehabilitación da igrexa de San Pedro, en Lugo, que xa loce restaurado o artesonado mudéxar.
museo provincial do mar
13 Jul 2021

Avánzase nas obras de rehabilitación da igrexa de San Pedro, en Lugo, que xa loce restaurado o artesonado mudéxar, unha das escasas mostras deste estilo que existe en Galicia. Tamén están rematados os traballos nas cubertas do ciborio e dos cruceiros, e a limpeza e encintado dos paramentos exteriores na cabeceira, entre outros labores.

Hoxe celébrase unha xornada de portas abertas organizada para amosar á cidadanía o monumento e os traballos que se están a levar a cabo para a súa conservación, que contan cun orzamento de preto de 760.000 euros.

Representantes da empresa adxudicataria das obras, Resconsa, e o arquitecto redactor do proxecto de restauración, Justo Portela, conduciron aos visitantes a través das distintas estancias repasando as características e a historia do monumento, que está declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

A actuación que se desenvolve na igrexa -que en orixe pertenceu ao mosteiro de San Francisco- permitirá resolver as patoloxías existentes, fundamentalmente derivadas da humidade por filtracións na cuberta e nas fábricas.

Ademais mellorarase a imaxe do monumento harmonizando os acabados dos paramentos exteriores e incidirase na conservación do cruceiro e de elementos construtivos e decorativos de alto valor histórico artístico como son a portada histórica, o rosetón sur, a cornixa moldurada pétrea, o vanos góticos ou os contrafortes das capelas da cabeceira. Así mesmo, os traballos tamén incluirán a avaliación arqueolóxica na cabeceira da igrexa.

Características

A igrexa de San Pedro está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de BIC desde xuño de 1931. A data da súa construción sitúase na metade do século XIV e está vinculada ao bispo Pedro López de Aguiar, que desenvolve unha gran actividade construtiva xa que, ademais de iniciar a súa construción, intervén na fundación do convento das dominicas da Nova (1363) e a construción da capela de San Froilán na Catedral.

A planta da igrexa de San Pedro é de cruz latina dunha soa nave de cinco tramos e cruceiro con cuberta de madeira e cabeceira de tres ábsidas poligonais con bóvedas de cruzaría. A súa construción reflicte a influencia do estilo ourensán, ademais de ser orixe dun taller específico lucense como consecuencia da actividade construtiva simultánea na catedral e nos conventos mendicantes.

igrexa san pedro museo provincial Lugo
0.15807795524597