Continúan as queixas sobre as novas liñas de autobús urbano de Lugo
Na tarde do mércores 16 de xuño de 2021, ao redor de 40 veciños e veciñas do barrio lucense das Gándaras reuníronse, convocados pola Asociación Veciñal Piñeiro -presidida por Flora Rubinos Rois- e á que asistiron tamén membros da Xunta Directiva da Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo para abordar a problemática do novo trazado de liñas de autobús urbano de Lugo.
Os veciños e veciñas das Gándaras denunciaron principalmente a modificación ou a eliminación das tres liñas de autobús coas que se contaba no barrio. Por unha banda, a liña 7A foi eliminada, a liña 13 foi modificada e xa non accede ao Campus Universitario e a actual liña 4.2 non ofrece información de horarios no seu traxecto dende Sindicatos ata As Gándaras.
Outro dos puntos de maiores protestas correspóndese co acceso ao centro da cidade de Lugo e a puntos de referencia como á praza de Abastos ou á praza de Santo Domingo, de cuxo servizo si dispoñían nas Gándaras e que ahora foron eliminadas.
Outra das queixas máis repetida foi a referida á liña de autobús que conecta co barrio do Sagrado Corazón dende As Gándaras, onde só existe servizo no traxecto de baixada.
"Á vista de todo o anterior, resulta inmediato comprender que quen era ata o momento usuario do transporte público deixe de selo, deixando os autobuses urbanos baleiros; evidenciando a súa absoluta inoperancia no que se refire a prestar servizo público, abonado cos impostos de todos os lucenses, ademais de non desatascar o tráfico nin paliar a contaminación ambiental" denunciaron desde a Federación Lucus Augusti.
Ademais, insisten "na necesidade de instalar marquesiñas, así como dispoñer dun servizo de mantemento e limpeza das mesmas. Ademais, solicitamos que ditas marquesiñas ofrezan aos usuarios información actualizada e accesible aos usuarios con necesidades especiais, e horarios en tempo real. É esta una das queixas máis repetidas en todos os barrios e parroquias". "De igual maneira, volvemos facer fincapé na necesidade de que os transbordos sexan gratuítos", engadiron.
Novamente, dende a entidade "volvemos instar aos titulares da Concellería de Movilidad do Concello de Lugo a que se reúnan cos veciños e veciñas de cada barrio e parroquia lucense, como estamos a facer desde a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo. É a súa obrigación como responsables públicos".