Continúan os campamentos de verán no Vello Cárcere
A área de Cultura oferta distintas actividades nos meses de xullo e agosto nas dúas Casas das Linguas, no MIHL e no Vello Cárcere. Deste xeito, o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron as instalacións do Vello Cárcere, onde se está a celebrar unha nova edición dos campamentos de verán. Segundo informou Ferreiro, "seguimos traballando en facilitar a conciliación ás familias ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos novos coñecementos de maneira lúdica".
As actividades organizadas nas Casas das Linguas municipais, orientadas para nenos e nenas nadas entre o 2014 e 2020, celebráronse do 1 ao 12 de xullo e terán unha segunda quenda do 16 ao 31 de agosto en horario de 09.30 a 13.30 en cada unha das Casas e cunha participación de 15 nenas e nenos en cada unha das actividades. No Vello Cárcere celébranse desde o 1 de xullo e rematarán o 6 de setembro. Están destinadas a nenas e nenos nados entre o 2012 e 2020, distribuídos en 5 quendas, con 20 nenas e nenos en cada unha. O MIHL acolle a nenos e nenas nados entre o 2012 e 2020, con 11 quendas semanais entre o 24 de xuño e o 6 de setembro de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.
Maite Ferreiro lembrou que "estas actividades son completamente gratuítas e á hora de distribuír as quendas, os distintos servizos tiveron en conta que os irmáns puideran ir na mesma". A área de Cultura continúa a organizar unha "intensa programación de ocio para o verán". O Muralleando continúa ata o vindeiro 31 de agosto convertendo a praza da Mosqueira no gran escenario das agrupacións musicais de Lugo. Esta semana poderase desfrutar do hip-hop de Suzzu, NP, Sozat, Shawn Frost e Rodri na tarde do venres, mentres que o sábado estarán os Condensadores de Fluzo.