Continúan os traballos arqueolóxicos na Roda de Adai, monumento funerario único en Galicia

LugoXa
Os estudos preliminares apuntan a que o xacemento da Idade de Bronce tería unha funcionalidade funerario-ritual xa que se localizaron enterramentos en fosa
corro_dos_mouros
9 Xul 2024

A nova actuación arqueolóxica no xacemento de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), permitirá  ampliar a zona escavada en 2023 a través da realización de dúas sondaxes, así como acometer o rexistro do xacemento mediante dron para obter un levantamento topográfico completo e un modelado fotogramétrico detallado. A limpeza biótica para poder percibir adecuadamente a súa superficie será outro dos obxectivos desta intervención na que tamén se pretende realizar diferentes tipos de prospección coas que mellorar a delimitación e o seu contexto inmediato, ademais de poder achegar información de interese para a planificación de futuros traballos.

O xacemento arqueolóxico do Corro dos Mouros, tamén chamado O Castrillón, sitúase na parroquia de Santa María Madalena de Adai, no Concello de Lugo, a escasos oito quilómetros ao oeste da propia cidade. En concreto, localízase no Monte de Penas do Caldeiro, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Adai, Monte de Penas do Caldeiro, Travesa, Raiola, Pedrafita e Pedreiras.

Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo “roda”, que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 metros (N-S) e 30 metros (L-O) e unhas dimensión externas de 52 metros de diámetro. “Hai que ter en conta que este tipo de xacemento está nunha fase incipiente de investigación xa que a día de hoxe só se coñecen un total de trece na nosa comunidade a través das publicacións, e uns 50 detectados a través de prospección con LiDAR, pendentes de publicación, sendo aínda problemática a súa interpretación dende o punto de vista funcional e cronolóxico”, explica a profesora da USC, Pilar Prieto Martínez, directora da intervención e membro do grupo de investigación EcoPast e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Os estudos existentes, todos eles aínda preliminares, consideran que as rodas responden a un tipo de xacemento datado entre o Bronce Final e a primeira etapa da Idade do Ferro (Ferro I), a finais do segundo milenio e inicios do primeiro milenio antes de Cristo, cunha funcionalidade funerario-ritual xa que no interior dalgún deles se localizaron unha serie de enterramentos en fosa, aínda que existe outra liña de investigación que interpreta este tipo de sitios como de uso habitacional e doméstico, como posibles proto castros do Bronce Final.  O xacemento sitúase nunha contorna de gran riqueza arqueolóxica na que destaca a “longhouse” rupestre de Pena Fita, á que se suman catro petróglifos con motivos xeométricos e unha mámoa intervida en 1990.

0.16156983375549