Continúan os traballos de acondicionamento do Circuíto Municipal Jorge Prado de Lugo

O Circuíto Municipal Jorge Prado de Lugo ultíma os seus traballos de acondicionamento de cara á celebración do Campionato de España de Motocross esta fin de semana, que contará coa participación de 125 pilotos. Nos últimos días acometeuse o acondicionamento tanto do perímetro como do interior do circuíto, así como das zonas de estacionamento e dos espazos destinados a acoller os servizos de emerxencias que require unha proba deste nivel.
Ademais, o club concesionario, Motopark Lugo, contou coa colaboración da Concellería de Deportes e doutras áreas municipais, como Medio Ambiente, para atender necesidades complementarias, incluída a colocación de máis contedores para a recollida de lixo ante a afluencia de centos de persoas.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado do edil de Deportes, Jorge Bustos, comprobou a marcha destes traballos. O rexedor destacou que “esta infraestrutura municipal acolle eventos como campionatos nacionais e mundiais, situando a Lugo no mapa de grandes eventos deportivos e impulsando o municipio como destino de motocross”. Subliñou que a aposta do Concello pola creación desta instalación foi total e que agora se está a demostrar que Lugo pode contar cun dos grandes circuítos nacionais, tal e como destacan os equipos e clubs procedentes doutros puntos de España.
Pola súa banda, Jorge Bustos sinalou que “o Goberno Local fixo un esforzo económico importante para apoiar a celebración desta proba nacional, coa que seguimos a poñer en valor un dos grandes circuítos de motocross do país”. Recordou tamén que o pasado mes de agosto a instalación acolleu un campamento de motocross con 70 nenos e nenas procedentes de sete comunidades autónomas, organizado por un club madrileño que por segundo ano consecutivo elixiu Lugo para desenvolver esta concentración, moitos deles adestrando para participar no nacional junior desta fin de semana.
As mangas do campionato disputarase os días 20 e 21 de setembro, para as categorías MX65, MX85, MXs18, Máster MX3 e Máster MX4, incluíndo categorías completas como a de ata 8 anos, na que están inscritos 46 pilotos, seis máis que os postos da grella de saída.