Continúan os traballos de mellora no pavillón do Pombal
O Concello de Lugo vén de investir 109.434 euros na mellora do pavillón do Pombal, ao abeiro do Plan de Melloras das Instalacións Deportivas.
Os traballos consisten, fundamentalmente, na reforma do pavimento do polideportivo. O firme, sobre todo da pista de baloncesto e de fútbol sala, presentaba un grao elevado de deterioro despois de moitos anos de uso. Así mesmo, o desgaste tamén aumentaba a causa da humidade do terreo no que se asenta.
Pola súa parte, o concelleiro Mauricio Repetto indicou que “os labores, que inclúen a retirada do material actual, a limpeza e impermeabilización da zona, a marcación das liñas de xogo e a colocación de novas canastras extensibles e soportes para os postes de voleibol, así como o repintado da fachada e o arranxo das tres pistas de tenis, se prevé que estean rematados a finais de agosto. Precisamente escollemos estas datas, nas que non hai probas nin competicións previstas, para acometelos co fin de ocasionar o menor prexuízo posible”, sinalou.