Inician os traballos de peonalización da Mosqueira

LugoXa
Nestes primeiros días de traballo estanse a levar a cabo as catas arqueolóxicas que permitirán coñecer como é o foso da Muralla neste treito
ruben arroxo mosqueira
9 Xuño 2021

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, visitou esta mañá o inicio dos traballos de peonalización da contorna da Mosqueira. Arroxo explicou que “nestes primeiros días de traballo estanse a levar a cabo as catas arqueolóxicas que permitirán coñecer como é o foso da Muralla neste treito”.

Ademais das catas arqueolóxicas, estase a executar simultaneamente a retirada da beirarrúa e da antiga instalación de alumeado da Muralla, que será renovado nesta actuación. En total, a execución das obras ten un prazo de 8 meses, e foi licitado por 588.836€ á empresa Hermanos Pico Yañez.

“Unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, é retirar progresivamente os vehículos da Muralla, dando así solución ás vibracións que están a converterse nun problema para a estrutura, tal e como advertiu o ICOMOS”, explicou Rubén Arroxo.

“A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira”, anunciou Rubén Arroxo, que engadiu “esta actuación servirá como espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos”.

0.20111894607544