Continúan os traballos de peonalización no barrio de Recatelo
Seguen avanzando os traballos de peonalización no barrio de Recatelo . O vindeiro luns comezarán os nas rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo pertencentes a devandito barrio.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo que visitou o lugar o pasado xoves afirmou que "estamos a traballar na mellora da imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía", e destacou que "Recatelo pode ser unha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, e ao mesmo tempo podemos mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza".
O Tenente Alcalde destacou que “os traballos están a realizarse a bo ritmo, seguindo a planificación elaborada pola área de Mobilidade e Infraestruturas”, e engadiu “a planificación realízase tratando de producir as mínimas molestias ás veciñas e veciños da zona”.
Con estes traballos darase un paso adiante na humanización do barrio de Recatelo, engadíndoas aos traballos xa realizados no verán pasado na rúa Vila de Sarria. Esta actuación foi adxudicada por 208.626,59€, e un prazo de execución de 6 meses.
"Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade", afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin "como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar".