Continúan os traballos de urbanización na rúa Angelo Colocci de Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Angelo Colocci, onde a área de Infraestruturas está a participar na urbanización do solar localizado na unión coa rúa Avetarda. A concellería de Infraestruturas realiza a urbanización da rúa Túnel de Oural, que actualmente conta cun só carril de circulación, construíndo o segundo carril e a súa beirarrúa. Rubén Arroxo afirmou que "continuamos a traballar na mellora do barrio da Piringalla, garantindo a seguridade viaria e a accesibilidade".
Nos últimos anos, a Tenencia de Alcaldía rematou a construción da beirarrúa da rúa Avetarda, no treito xa construído, e modificou a mediana de Ángelo Colocci xerando máis prazas de estacionamento, "atendendo a peticións veciñais e permitindo ás veciñas e veciños da zona unha mellor accesibilidade e comodidade".
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía completa a mellora da rúa Avetarda, mellorando tamén a imaxe do barrio. "seguimos a planificar o traballo nas distintas zonas atendendo ás peticións veciñais", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "a mellora dos barrios e das zonas periurbanas é un dos principais piares para o traballo da concellería de Mobilidade".