Controlada a praga de estorniños que perturbaba á cidade
Ante a praga causada pola concentración de poboacións de estorniños na cidade, o Executivo de Lara Méndez activou desde medio ambiente unha nova campaña para controlar o seu asentamento e, tras varias xornadas de intenso traballo, se considera xa controlada.
O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, explicou que as zonas máis afectadas foron os parques de Rosalía de Castro e Milagrosa (Frigsa), “localizacións históricamente preferidas por estas aves, nas que intentan asentarse de forma preferente e que están consideradas os dormideiros primarios”. Sen embargo, as medidas de control afectaron a outros 26 enclaves como a Avenida Ramón Ferreiro, a Igrexa de San Francisco, a Praza Maior ou a Deputación Provincial”.
A empresa especializada que realizou os labores para afastar os estorniños estima a presenza duns 47.000 exemplares en toda a cidade.
As actuacións levadas a cabo foron intensivas, precisando de dous técnicos de control traballando de forma simultánea durante varias xornadas consecutivas, que utilizaron sistemas de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas, ademais de outras técnicas complementarias, variando as metodoloxías segundo as necesidades do servizo e tendo en conta que os estorniños tamén intenten enganar aos técnicos, ata obter a expulsión completa ou minimizar o máximo posible a súa estancia.
A presenza masiva destes paxaros en Lugo vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, logo da época reprodutora, e modulada tamén por factores climatolóxicos. Fernández insistiu en que as medidas utilizadas foron unicamente dirixidas ao estorniño negro e pinto, poboación diana da actuación. "Trátase de expulsar só ao ave infesta e non ao resto", puntualizou o edil ao tempo, que anuncia que se seguirán a realizar labores de vixilancia durante dúas semanas máis para evitar que as aves pernocten”.
O concelleiro explicou que o problema non se atallou para sempre, debido a que se trata dunha especie migradora que ten recoñecida este roteiro como beneficiosa xa que “buscan zonas de protección, sen existencia de depredadores e con grandes áreas boscosas”, pero sinalou que “os técnicos xa conseguiron evitar que entren máis na cidade ao anoitecer e están a intervir en pequenos grupos para evitar que pasen a noite, esperando que nos próximos días a situación está completamente estabilizada e Lugo estea libre destas aves, ou a súa poboación quede imitada a pequenos grupos que non causen molestias ao público”.
O edil responsable avanzou que nos vindeiros días se intensificará a limpeza das zonas máis afectadas, especialmente os parques Rosalía de Castro e Frigsa, para minimizar as consecuencias da presenza de estorniños nestes enclaves.
Dende a Concellería de medio ambiente lembran aos veciños e veciñas de Lugo que poden alertar da presenza de novos asentamentos desta ave a través da APP Liña Verde ou do teléfono 010.