Controlado o incendio do polígono do Ceao, que calcinou tres naves

LugoXa
Os servizos de emerxencia seguen traballando na zona do incendio, onde continúa ardendo unha nave de neumáticos.
lugo incendio ceao 3
11 Abr 2021

O incendio que se iniciou algo antes das 7 da mañá deste domingo e que afectou alomenos a catro naves da rúa da Industria, no polígono industrial do Ceao, quedou controlado a última hora desta mañá, despois de horas de intenso traballo dos bombeiros, e malia que arestora segue ardendo unha nave de neumáticos.

Os servizos de emerxencias seguen pendentes da forza e da dirección do vento, así como da posibilidade de que as chamas se aviven nalgún punto onde o lume xa quedou extinguido, polo que o traballo segue sendo intenso na zona.

Para evitar riscos, tomouse tamén a decisión de baleirar os tanques dunha das gasolineiras do parque empresarial, próxima ao lugar do incendio, aínda que as lapas non chegaron a afectar a esa zona do polígono.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que se desprazou ao lugar do incendio, explicou que o lume comezou nunha nave de pinturas, que quedou totalmente calcinada e, como consecuencia do vento, propagouse a unha empresa de neumáticos, onde aínda segue activo, e que provocou unha densa columna de fume negro que se puido ver desde toda a cidade. O lume afectou tamén a outras dúas naves do polígono industrial, que quedaron calcinadas.

Para dar resposta a esta situación de emerxencia, activouse o Nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, o que permitiu mobilizar recursos de emerxencias de toda a provincia.

0.18341302871704