Conversa con Branca Rodríguez Pazos, traballadora social, política e activista

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
13 Out 2023

Por Fernanda Arrojo.

Conmemórase o 40 Aniversario do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, no que Branca xogou un papel moi importante na súa orixe e historia. E sempre levando o nome de Lugo por diante.

Ti tes un vínculo moi forte coa nosa cidade dende o teu nacemento?

Si, claro. Eu nacín na rúa Castelao, xusto na porta da Estación que daquela era o centro neurálxico de Lugo. De alí saían os autobuses regulares e tamén estaba moi preto da estación de tren. Por iso, había moito tránsito de xente e pequenas fondas e hostais que te poñían en contacto co mundo rural. O feito de vivir no barrio da Estación formoume como persoa.

Onde fuches á escola?

Primeiro estudei no Colexio da Milagrosa da praza de Ferrol e logo na Compañía de María ata que fun a Santiago para facer Traballo Social.

Por que fixeches esta carreira?

Eu era moi fantasiosa e quería estudar Dereito para ser como os avogados daquelas series de televisión americanas. Tamén pensei en facer enfermaría para estar en contacto coa xente. Pero daquela coñecín a disciplina do Traballo Social como algo innovador e transformador do mundo. E coñecino a través dunha veciña da rúa Castelao, Mª Carmen Alfonso, que o fixera e ela me guiou en todo. Era unha carreira de grao medio como os peritaxes e ao rematar había que aprobar unha reválida para obter o título. Lembro que cando comecei, a Escola de Asistentes Sociais, como nós chamábamola daquela, aínda dependía dun Padroado moi ligado á Igrexa, ao réxime... pero tiñamos moi bos mestres como o padre José Gómez, que chegou a ser bispo de Lugo. Ademais, fun a Santiago na efervescencia do maio de 1968 e alí os estudantes eran moi revolucionarios. Estivemos moi en contacto con movementos de base como a Xuventude Católica Independente.

Había traballo social nese momento?

Non, non existía, era pura beneficencia decimonónica. Porén, hai que ter en conta que nos anos setenta xurdiu en Sudamérica a Teoloxía da Liberación, cunha Igrexa moi avanzada, influíndo moito nas Cáritas Diocesanas, converténdoas en organizacións moi progresistas. Ademais, o meu primeiro traballo foi en Cáritas, aquí en Lugo, e fun moito a Madrid para facer cursos nos que coñecín a Pablo Freire e aos movementos católicos de base dos que aprendín moito. Lembro atopar exemplares da revista “Gaceta Sindical” nos que sempre había un artigo sobre servizos sociais. Foi un momento moi interesante e importante para min xa que supuxo moita aprendizaxe básica. Alí coñecín xente moi aberta e activa socialmente como Jesús Mato, que despois fundaría Auxilia Lugo e Fuxan os ventos. Unha das súas irmás traballaba en Cáritas e, cando a súa nai e os seus irmáns se mudaron a Lugo, vivían con elas dúas compañeiras, reforzando aínda máis a miña relación con esta familia. Tamén coñecín todo un movemento de cregos rurais da montaña, algúns deles vinculados ao PC e CC.OO. Por outra banda, ao ser feminista dende moi nova, tamén participei en organizacións que loitaban polos dereitos das mulleres.

E cal era o panorama dos servizos sociais en Lugo?

Cando fun a Lugo, no 73/74, só traballaban tres traballadoras sociais, en Cáritas e na Xefatura de Sanidade. Os servizos sociais comunitarios non existían, só en determinadas organizacións como o Instituto Social da Mariña.

Ademais de Cáritas, onde traballas desde entón?

Cambiei moito de traballo, pero sempre dentro da Administración. En 1974 solicitei traballar no mutualismo laboral, organismo estatal da Seguridade Social, sendo destinada a Lugo. Tres anos despois fun á Coruña, cando se creou o Inserso, Instituto Nacional de Servizos Sociais, con dúas direccións xerais, a de Discapacidade e a de Maiores, ás que destinaron ás traballadoras sociais do mutualismo. En 1985 traspasáronse as competencias ás comunidades autónomas, e volvín a Lugo para ser directora do Centro Base de Discapacitados.

Participaches no 40 Aniversario do Colectivo Oficial de Traballo Social de Galicia?

Si, dende o principio participei moito na vida profesional. Ao non haber colexio profesional, creouse AGAS, a Asociación Galega de Asistentes Sociais, na que exercín de vogal de Lugo e tesoureira. Traballouse moito para ter un colexio profesional do que fun vicepresidenta primeiro e despois presidenta.

Que destacarías da túa etapa como directora do Centro Base?

Era unha época moi viva na que había un movemento asociativo de base, sobre todo o das persoas con discapacidade, moi diferente ao actual. Participei activamente neste movemento, concretamente, na asociación de hemofilia da Coruña e na asociación de saúde mental de Lugo. Nos anos 80 houbo asociacións que defendían os intereses das persoas con discapacidade e das súas familias con cometidos claros no lecer, no mundo laboral, nos aspectos reivindicativos... pero nunca substituíron o labor da Administración. Mais as asociacións pasaron a ser entidades que prestan servizos para a satisfacción dalgúns asociados, pero non de todos. Non obstante, non hai que esquecer que o movemento asociativo en materia de discapacidade fixo moito neste país para mellorar a situación da poboación en xeral. Pero, na actualidade, penso que sería mellor prescindir das asociacións e levar a cabo un novo regulamento participativo. Hoxe en día non hai quen participe, tanto nas asociacións veciñais, como nas de discapacidade ou calquera outra.

Destacou o seu traballo en materia da accesibilidade da cidade?

Daquela os centros de base estaban ben deseñados, con baños adaptados, mentres que ao seu redor non había nada accesible. E sempre me preocupou que as persoas con discapacidade tiveran as mesmas oportunidades na educación, no traballo, no lecer... e loitei para que se puxeran as primeiras ramplas de acceso ao redor do centro base. Era un dos poucos organismos públicos adaptados. Estas experiencias fixeron medrar moito a miña sensibilidade social, o que me axudou na miña labor como concelleira, ao levar a cabo plans de accesibilidade na cidade, co apoio fundamental do asociacionismo. E quedáronme bastantes leccións. Unha delas foi a seguinte: non por levar unha vida máis normalizada, se es más feliz.

Un importante paso nos servizos sociais foi cando foron aparecendo as leis autonómicas?

O primeiro paso importante foi cando, a instancias do colexio, en 1984 se crearon os servicios sociais municipais. No colexio fixemos un libriño verde sobre os servizos de atención primaria e participábamos nos procesos selectivos... Mais todo estaba aínda moi en cueiros. Só había unha traballadora para tres ou catro concellos, pero foron a base dos servizos sociais. Tamén quero dicir que sempre fun de esquerdas e moito máis nacionalista cando comecei a traballar. É certo que as leis teñen que ser autonómicas, pero tendo en conta a diversidade por territorios. Un exemplo é o servizo de axuda no fogar. Este servizo non se pode prestar da mesma maneira na cidade que no rural xa que unha auxiliar non pode tardar media hora ou máis en desprazarse dunha vivenda a outra. Este servizo podería deseñarse moi ben, de acordo coas características da poboación: moi dispersa, moi maior... Mesmo poderíase dicir que na actualidade hai un estancamento, un parón nos servizos sociais... Continúo co pesar de que non haxa un sistema propio e público de servizos sociais como pasa na Sanidade, na Educación...

Que destacarías da túa etapa como concelleira da Área de Benestar Social?

O meu obxectivo era ter un centro social en cada zona ou distrito. E que tiveran unha configuración de equipo cunha dirección, cun profesional de traballo social, persoal administrativo, de animación social e subalternos como os ordenanzas que eu considero fundamentais.

Que botas de menos actualmente?

Máis dinámica social nos barrios, é dicir que os centros sociais non só sexan espazos para a dar cursos, para facer actividades.

branca rodriguez pazos
0.19458293914795